segunda-feira, 30 de janeiro de 2012

TAXA DE REPOSICIÓN DE EFECTIVOS, OU TAXA DE ANIQUILACIÓN DE SERVIZOS PÚBLICOS?




Agora co pretexto da crise, mais desde hai anos como vía para forzar a privatización de servizos, no debate sobre o desmantelamento dos servizos públicos rara vez se sitúa como un problema central o da taxa de reposición de efectivos.  Nos últimos tempos o goberno central -antes co PSOE, agora con maior contundencia co PP- colocan un obstáculo difícilmente salvable non xa para ofertar novos servizos, senon mesmo á hora de manter os existentes: a imposición dunha reducidísima taxa de reposición de efectivos. Falando con claridade, a limitación da cobertura de vacantes no cadro de persoal provocando unha aguda diminución dos empregados públicos nun país cuns servizos públicos moito pior dotados que nos da nosa contorna (% empregados públicos).
A fixación dunha taxa de reposición de efectivos ten como consecuencia que as Administracións (central, autonómicas, locais, Universidades...) só poidan contratar á porcentaxe que se fixe con respecto ao persoal que causa baixa definitiva no seu cadro (por xubilacións, incapacidades definitivas ou outras causas).
No pasado exercicio orzamentario esa taxa fixouse no 25% para os servizos esenciais e o 10% para o resto. Neste ano o goberno Rajoy (BOE) reduciuna ata á asfixia baixándoa ao 10% para educación obrigatoria, sanidade, seguridade e inspección fiscal e ao 0% para o resto. Por cada 10 vacantes de persoal do ensino ou sanitario tan só se vai contratar 1 nova persoa. Nin servizos sociais (centros de atención a menores, residencias de maiores, atención a dependentes ou a mulleres maltratadas), nin ensino universitario, nin prevención ambiental ou outros servizos relevantes para a sociedade poderán contratar persoal ao longo de 2012, mesmo en prazas de carácter temporal que só poderán ser cubertas de xeito excepcional e para necesidades urxentes e inaplazables.
Os populistas discursos que falan dunha Administración con moito unto e pouca eficacia son o sustento para a acrítica aprobación destas medidas cegas que poñen en risco a viabilidade mesma de moitos servizos.  Pouco máis ten que os xubilados sexan todos dun mesmo servizo especializado (cardiólog@s ou profesor@s de Dereito mercantil) e que resulte falaz falar de que un hipotético exceso de persoal noutros servizos (pediatras ou profesorado de Botánica) poida dar solución ao problema.
Mesmo nos servizos aos que se lles autoriza esa ínfima taxa de reposición do 10% o goberno central teima, e as seguidistas comunidades autónomas do PP consinten, en aplicar unha taxa de reposición nula (CIG).  A paralización das oposicións na educación é o primeiro exemplo.  As vacantes que se produzan quedarán sen cubrir.  A calidade dos servizos resentirase impartíndose materias por non especialistas, incrementando as listas de agarda ou as ratios de estudantes por aula.
Os servizos quedarán desatendidos.  Ou ben -eis é o obxectivo perseguido- haberá que recorrer á privatización da xestión dos servizos facendo contratos con empresas privadas (concertos con clínicas e colexios, contratos con empresas de atención a maiores, privatización de escolas infantís...) para atender á demanda xa existente ou directamente privatizar a súa titularidade.
Resulta claro que, nesas circunstancias, a ampliación de servizos e o recoñecemento de novos dereitos na rede pública faise inviable. Sen persoal que os atenda, a extensión de dereitos, a aspiración de construir unha rede pública que garanta os servizos propios dun Estado de benestar, queda imposibilitada.  A única vía é a xestión privada, quer sostida con fondos públicos ou inaccesible para a maioría da cidadanía. 
A disculpa da imposibilidade material froito dese límite común para todas as Administracións consigue un duplo efecto.  Por un lado favorece a privatización de servizos abrindo ou ampliando un campo de negocio para empresas afíns. Por outro obriga a adoptar esas mesmas solucións, en caso de querer manter o nivel de prestación de servizos, a gobernos ideolóxicamente opostos, dificultando a explicación ante a sociedade da existencia de modelos diversos. Sen esquecer a clara intromisión competencial que supón a fixación centralizada dun patrón único de cadro de persoal para as Administracións que nin ten en conta os servizos que lles corresponden a cada unha delas, nin respecta as opcións políticas que poidan existir á hora de conformar a Administración e os servizos que se acordan para a cidadanía.