sexta-feira, 23 de maio de 2014

A galiña, o ovo, a privatización e a desfeita. "Depende de ti"



A Conselleira de Facenda vainos poñendo sobre aviso de novos recortes nos servizos públicos dicindo que as prestacións básicas están en perigo. Como non podía ser menos non é culpa das decididas políticas PPopulares de privatización e recorte de dereitos que fan que Galiza sexa, por exemplo, a terceira comunidade autónoma con maior grao de privatización da súa sanidade. A culpa é da teimosa tendencia galega a dispersarse polo territorio e a non menos teimuda tendencia a envellecer.
Esquece a conselleira o desbaldimento de recursos públicos na privatización do servizo de esterilización (160 millóns de euros), na contratación de alta tecnoloxía sanitaria (73 millóns que poden chegar a 200 co canon), na privatización dos servizos do CHOU (225 millóns de euros), na construcción do hospital de Vigo coa fórmula público-privada (+1100 millóns de sobre-custe).
Non se lembra tampouco de que foron eles os que puxeron en risco as prestacións básicas coas póliticas de desmantelamento de servicios sociais como consecuencia da Lei de Sostibilidade e Reforma local que vai eliminar servizos municipais de axuda no fogar, escolas infantís, centros de día, atención a mulleres maltratadas ou atención a situacións de emerxencia social como denunciou insistentemente o BNG.
Vellos e dispersión xeográfica son o ovo ou a galiña?  O envellecemento poboacional e a existencia de moitos núcleos, cada vez menos, poboados é a causa de que os servizos básicos estean en risco? Ou temos cada vez menos xente nova e unha estrutura territorial máis difícil de atender pola ausencia de políticas activas que ordenen o territorio e xeren empregos?
Temos unha poboación envellecida porque no canto de políticas que activen os nosos sectores produtivos (agro, pesca, monte, industria, naval) queren que vivamos de ser un parque temático subvencionado por desmantelar os seus sectores produtivos. Porque no canto de investir en innovación, reducen o gasto público en I+D e perden a metade dos cartos do Fondo tecnolóxico. Porque no canto ter unha rede de servizos e prestacións públicas que creen emprego, melloren a calidade de vida da xente e favorezan a natalidade, desmantelan os servizos. Temos unha poboación envellecida, en fin, porque a xente moza (máis de 100.000 nos últimos cinco anos) ten que montar a súa vida en Madrid, Londres, México DF ou Hamburgo, porque aqui non ten futuro.



Temos unha dispersión xeográfica que non se vai solucionar sen política de ordenación do territorio coordenada coa de infraestruturas, servizos, urbanística.  Que non se vai corrixir coa centralización provincial dos servizos nas deputacións, da xustiza coa reforma da planta xudicial. Sen políticas activas que mobilicen as terras como pretendía o Banco de Terras.
Temos un país que precisa algo máis que un goberno que nos diga que facer fillos/as depende de nós.


Depende de nós frear tanta desfeita.