segunda-feira, 21 de julho de 2014

Observatorio de políticas ambientais 2013



O Observatorio de políticas ambientais realiza anualmente unha avaliación e análise das políticas, lexislación e xurisprudencia ambiental da UE, o estado e as todas as comunidades autónomas. As crónicas reflicten os principais cambios, sentenzas do TC e do TS constituindo un traballo de referencia para coñecermos a evolución das políticas ambientais. Neste enlace poden consultarse os distintos volumes e, en particular, o último en aberto que é o correspondente a 2013.  Dende a primeira edición elaboro, ben soa ou en colaboración con J. Sanz Larruga da UdC, a crónica galega.

quinta-feira, 10 de julho de 2014

RECENTRALIZACIÓN. Información para federalistas e rupturistas


Só nas últimas semanas cambios normativos estatais ou sentenzas do Tribunal Constitucional ensanchan as competencias estatais reducindo ou dinamitando as autonómicas. En moitos casos a competencia estatal sobre as bases normativas é obxecto dunha ampliación desaforada amparando actividades de execución que inutilizan as competencias autonómicas.  Noutros o suposto interese supraautonómico actúa como catalizador da competencia estatal.
-Comercio. Liberalización de horarios nas áreas declaradas como de gran afluencia turística polo estado. Autorización única con validez estatal. RDL 8/2014
-Banca. Regulación dun Imposto sobre os depósitos bancarios cun tipo moi reducido para desactivar os autonómicos xa regulados. RDL 8/2014
-Fracking. A prohibición autonómica non é unha norma adicional de protección ambiental. Invasión das competencias estatais. STC 24.6.2014
-Agricultura. Centralización da consulta para determinar a condición de organización agraria máis representativa e eliminación da posibilidade de o ser cun resultado importante nunha soa comunidade autónoma. Lei 12/2014.
-Axencias de avaliación universidades. Recoñecemento dunha competencia de execución estatal básica. STC 26.06.14
-Defensa da competencia. Eliminación da competencia executiva autonómica para autorizar concentracións empresariais nun mercado xeográfico definido. STC 26.06.2014
-Formación ocupacional. Recoñecemento de competencias executivas ao estado que invaden as competencias autonómicas. STC 88/2014.

terça-feira, 8 de julho de 2014

Democracia tan Agustín ou os problemas dos concelleiros non-electos en 10 puntos


  • Porque chegamos aqui? Porque Gerardo Conde Roa, alcalde electo, foi condeado. Porque Albino Vázquez, Adrián Varela e Rebeca Domínguez dimitiron imputados. Porque sete concelleiros máis foron condeados cunha inhabilitación para o exercicio do cargo. Porque Paula Prado dimitiu para ser voceira do PP (cargo do que tamén dimitiu despois de aparecer nas conversas da Pokemon).
  • Cantos concelleiros do PP quedaban? Catro (Currás -imputado-, Reyes Leis e L.Meijide e Rosende, ámbolos dous substitutos dalgún dos dimisionarios).
  • Non quedaban persoas na candidatura que o PP presentou ás eleccións? Si. Desde o posto 18 ao 25 da lista máis os catro suplentes quedaban 11 persoas (restando unha falecida) para cubrir os 9 postos vacantes.
  • Que di a Constitución? Artigo 140(...) Os concelleiros serán elixidos polos veciños do municipio mediante sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto, na forma establecida pola lei. Os alcaldes serán elixidos polos concelleiros ou polos veciños.
  • Que cuestiona o BNG? A constitucionalidade do artigo 182 da Lei Orgánica Electoral (LOREG) que permite a existencia de concelleiros non electos.
  • Porque? Porque as leis están sometidas á Constitución e resulta claro que esta non abre ningunha posibilidade para os concelleiros non seren elexidos directamente polos viciños mediante sufraxio directo.
  • Porque é posibel que se declare a inconstitucionalidade do artigo 182 da LOREG? Porque o Tribunal Constitucional xa ten declarado inconstitucionais outras previsións en relación cos concelleiros non electos.  Os concelleiros non electos non poden ser alcaldes (STC 125/2013, de 23 de mayo de 2013), nin tampouco ser membros da Xunta de Goberno local (STC 103/2013, de 25 de abril de 2013) porque se incumpriría o principio de lexitimación democrática destes postos e órganos. 
  • E logo porque se utilizou este artigo da LOREG ata agora? Porque ninguén cuestionou a constitucionalidade do nomeamento de concelleiros non electos.
  • Para que se introduciu esta previsión na LOREG? Para poder cubrir as vacantes nos concellos afectados polo terrorismo. A brevísima Exposición de motivos da Lei que modificou a LOREG é nítida: “Hacer efectiva la voluntad política expresada por quienes tienen plena confianza en que el sistema democrático garantiza la adecuada convivencia de nuestra sociedad, y con ello el derecho que la Constitución otorga a todos los ciudadanos, obliga a modificar determinadas normas de nuestro ordenamiento jurídico de manera que se permita hacer realidad la decisión de aislar a los terroristas, garantizando una mayor eficacia en el uso de los recursos de los que puede disponer nuestro sistema político”.
  • Dábase esa excepcionalidade en Santiago? Non. Agustín Hernández recoñeceu en declaracións públicas que a única razón para os 11 candidatos do PP votados pola cidadanía renunciar é o puro cálculo político e a conformación dun equipo nomeado a dedo entre persoas máis afíns.
Declaracións de Agustín Hernández a La Voz de Galicia

segunda-feira, 7 de julho de 2014

Crónica lexislativa de Galicia 2013 Revista Llengua i Dret




"En todas as frontes segue a producirse un profundo proceso de involución na protección do galego. Se o ensino segue sendo un ámbito moi preocupante cunha ofensiva dupla do goberno estatal e autonómico, o certo é que non existen moitos lugares solleiros para a lingua en 2013 se exceptuamos a boa nova do dominio .gal, curiosamente froito dunha iniciativa da sociedade civil". 
Revista Llengua i Dret, n.61, xuño 2014

terça-feira, 1 de julho de 2014

Os datos do emprego público: menos empregados nos servizos públicos e os paradoxos da centralización na sombra

Se quixeramos facer un resumo dos datos do último Boletín Estadístico do Persoal ao servizo das Administracións públicas que se publica semestralmente (datos de xaneiro de 2014) podería ser o seguinte:
1. Segue o recorte de empregados nos servizos públicos ligados ao estado social (sanidade, universidades...). Malia un leve repunte no ensino non-universitario -debido a que varias Comunidades Autónomas fixeron convocatorias de emprego despois de varios anos de tapón con graves consecuencias nas escolas e institutos-, a sanidade, as universidades e, probablemente, os servizos sociais municipais perden empregados públicos.


2. Na distribución por niveis territoriais o emprego público estatal experimenta este ano un pequeno descenso que non impide que sexa o ámbito territorial con menores descensos en todo o período da crise.  A Administración Xeral do Estado e organismos estatais apenas perderon 14.000 empregados desde 2009, un 5,8%; mentres que os Concellos perderon un 14% do emprego e as Comunidades Autónomas un 16%.
3. Curiosamente o persoal de xestión burocrática estatal sigue sendo superior ao de todas as comunidades autónomas xuntas.  Se se separa do emprego público autonómico o elevado número de empregados encargados dos servizos públicos (sanidade, educación...) vese que as oficinas de ministerios, Axencia Tributaria, etc. ocupan a 220.000 efectivos en tanto que as oficinas autonómicas das 17 comunidades contan en total con 216.000 efectivos.  
A que se dedican os 8831 empregados do ministerio de agricultura, sendo as competencias exclusivas das comunidades autónomas, ou os 6.562 empregados do ministerio de educación non docentes é un deses paradoxos dun estado descentralizado con altas doses de ficción entre o que din os Estatutos de Autonomía e a realidade centralizadora.

4. Os concellos, aínda que recuperan algo de emprego, seguen con case 80.000 empregados menos que en xaneiro de 2009 no momento cun pico de emprego máis elevado.  Son case 14 puntos de descenso que pode ser atribuíbel aos recortes nas prestacións e servizos sociais municipais.
5. Nas universidades cae novamente o número de persoal (-3173), algo máis dun 2%, e o número de profesorado en réxime laboral (46.974) supera o número de profesorado funcionario (45.463).  O avance da laboralización é un reflexo claro da precarización no emprego na docencia universitaria na que a taxa de reposición está xeneralizando a figura fraudulenta do profesor interino para cubrir necesidades estabeis.  
6. Non hai estatísticas da temporalidade no emprego público nin dos contratos a tempo parcial en ámbitos, por exemplo, como a sanidade ou as universidades, que permitirían apreciar como as administracións públicas estan convertíndose nun nicho de precarización que as enmendas do proxecto de Lei de Racionalización do Sector público quere consolidar.