segunda-feira, 7 de abril de 2014

CHOU. A privatización que non cesa




A decisión do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuales de paralizar o macroconcurso para a privatización da xestión de servizos na sanidade pública  no hospital de Ourense pon só un punto e seguido no insistente rumbo de privatización da sanidade en Galiza.  Punto porque impide seguir adiante con esta contratación en concreto. E seguido porque a Xunta de Galicia manifestou que só será unha parada para coller impulso e que procederá rápidamente á división en tres contratos para continuar coa privatización (limpeza, seguridade e mantemento).
A contratación privada da alta tecnoloxía sanitaria, os laboratorios, unha boa parte da atención sanitaria na área de Vigo, o desvio das urxencias e a atención ás listas de agarda (que logo chegará como consecuencia da recente aprobación da Lei de Garantías Sanitarias) son só algúns dos anacos máis recentes do inxente pastel que ten situada xa a Galiza á cabeza das comunidades autónomas na privatización sanitaria só detrás de Madrid e Cataluña.
O caso do Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU) é ben significativo xa que presenta unha boa parte dos problemas que se sinalaban no Informe da Comisión Nacional da Competencia sobre a privatización sanitaria en relación coas privatizacións sanitarias. A nada sospeitosa Comisión Nacional da Competencia sinalaba que unha boa parte dos procesos de privatización da xestión da sanidade pública encubrían prácticas opacas nas que claramente se albiscaban concursos amañados e nulos beneficios en termos de calidade asistencial. 
Sucesivamente as empresas forzaron que o concurso de 150 millóns de euros do CHOU quedara deserto nun primeiro momento para pasar ao procedemento negociado sen publicidade fóra da luz pública.  Mesmo así a voracidade empresarial non foi axeitadamente satisfeita polo que o novo fracaso levou á Xunta a facer os dous movementos habituais nestes casos: aumentar a contía a 225 millóns e alongar a concesión a 15 anos.   Tambén flexibilizaba las cláusulas económicas e concedía á adxudicataria "cómodos prazos para aportar os 14 millones destinados ás obras de ampliación do complexo" que eran a finalidade primeira desta privatización. Un negocio de 225 millóns de euros a cambio dun investimento de 14 en cómodos prazos. Nestas condicións Fomento de Construcciones y Contratas (FCC) tivo a caridade de asumir tan pesada carga que é a que agora o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais impide.
Cales eran algunhas das críticas facía a conspícua Comisión Nacional da Competencia ás privatizacións sanitarias? 
  • "Participación alarmantemente reducida de empresas", 
  • Non "optar, sempre que sexa posibel, polo procedemento aberto nas licitacións, ao ser o más favorecedor en termos de competencia" 
  • "Evitar que a licitación de varios servizos nun único contrato reduza o número de posibeis adxudicatarios""
  • Non "adecuar a duración dos contratos ao tempo preciso para amortizar os posibeis investimentos".
Para quedar pampa da sorprendente similitude entre estas analíses e a privatización dos servizos do CHOU (falta de concorrencia, procedemento negociado sen publicidade, todos os servizos nun paquete e unha elevada duración do contrato)
Todo iso sen esquecer  os problemas que apuntaba o Informe en relación coa acceso privilexiado á información, o acortamento de prazos para que só as empresas "informadas" poidan presentar ofertas ou a omisión de criterios de calidade na atención aos doentes para medir a eficacia do servizo.
Fronte a estas evidencias o goberno Feijóo axita insistentemente a propaganda.  O certo é que unha boa parte do orzamento público de sanidade está hoxe en mans de empresas privadas sanitarias e construtoras. E o deterioro da atención pública é constante con reducións de persoal, material e prestacións alarmantes.