segunda-feira, 30 de setembro de 2013

Rápida e triste análise do Proxecto de Orzamentos estatais para 2014 en materia de universidades



Os orzamentos presentados para 2014 consolidan a axenda do Partido Popular de aniquilación do sistema público de investigación e de destrución do sistema universitario por afogamento.
A ridícula suba de 71 millóns de euros en investigación non compensa en absoluto os máis de 2000 millóns recortados nos últimos anos. A vella estrataxema de orzamentar préstamos á investigación que non son apenas executados por imposibilidade de os devolver pretende ocultar uns raquíticos fondos para a investigación.
En persoal a continuada aposta por unha taxa de reposición limitadísima xa ten levado a que o recorte só entre 2012 e 2013 fora de case 6000 empregos e de aproximadamente un 4% dos efectivos.  Novamente renóvase neste proxecto de lei de orzamentos facendo clara a vontade de precarizar o emprego universitario, seguir exportando cerebros e fuxir dun cambio de modelo económico baseado no coñecemento.

Persoal 

A lei de orzamentos volve a incluir unha limitadísima taxa de reposición de efectivos para o profesorado das universidades. Tan só se poderá repoñer o 10% das vacantes que se produza (1 de cada dez xubilacións ou baixas definitivas).  Isto só afecta ademais aos Corpos "de persoal investigador", singular denominación que se repite nas leis de orzamentos, que fai referencia aos corpos funcionariais -profesorado titular e catedrático- xa que non existen nas universidades outros corpos funcionariais con dedicación exclusivamente investigadora.
Só se autorizan contratacións temporais cando sexa posibel motivar "necesidades urxentes e inaplazabeis" polo que volve a pecharse a porta a calquera tipo de estabilización laboral en prazas fixas nas universidades -profesorado contratado doutor- coas implicacións que iso ten de consolidación da precariedade no emprego e de falta de expectativas profesionais.  Impídese, ademáis, indirectamente que se progrese na carreira académica xa que ao non acceder a prazas estabeis o profesorado máis novo non pode dirixir proxectos, pedir sexenios...coutando o seu desenvolvemento académico.
Parece claro que o PAS tería unha taxa de reposición do 0% non podendo cubrirse ningunha vacante.
Artículo 21. Oferta de empleo público u otro instrumento similar de gestión de la provisión de necesidades de personal. 2. Respetando, en todo caso, las disponibilidades presupuestarias del Capítulo I de los correspondientes presupuestos de gastos, la limitación contenida en el apartado anterior no será de aplicación a los siguientes sectores y administraciones en los que la tasa de reposición se fijará hasta un máximo del 10 por ciento: I) (...)Esta previsión será también de aplicación a las plazas de los Cuerpos de personal investigador de las Universidades, siempre que por parte de las administraciones públicas de las que dependan se autoricen las correspondientes convocatorias, previa acreditación de que la oferta de empleo público de las citadas plazas no afecta al cumplimiento de los objetivos de estabilidad presupuestaria establecidos para la correspondiente Universidad, ni de los demás límites fijados en la Ley Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de Estabilidad Presupuestaria y Sostenibilidad Financiera".
Dos. Durante el año 2014 no se procederá a la contratación de personal temporal, ni al nombramiento de personal estatutario temporal o de funcionarios interinos salvo en casos excepcionales y para cubrir necesidades urgentes e inaplazables que se restringirán a los sectores, funciones y categorías profesionales que se consideren prioritarios o que afecten al funcionamiento de los servicios públicos esenciales.
Tan só unha previsión podería modular lixeiramente a dureza desta reducidísima taxa de reposición: "No computarán dentro del límite máximo de plazas derivado de la tasa de reposición de efectivos, aquellas plazas que se convoquen para su provisión mediante procesos de promoción interna", de modo que a axeitada xustificación polas universidades de determinados procesos como de promoción interna poderían abrir un camiño. É evidente que isto non está exento de problemas en tanto que a interpretación da normativa universitaria existente fai que se entenda que o profesorado universitario só realiza concursos de acceso e non se consideren meras promocións aos procesos de paso dunha a outra categoría profesional.

Investigación

En investigación os datos que salienta El País sirven para apreciar que 2014 tampouco vai ser o ano da ciencia nos orzamentos.  Moi lonxe da chamada realizada na Carta por la Ciencia, nin hai un aumento significativo dos fondos -71 millóns frente aos 636 que se reclamaban- nin se corrixe o rumbo ocultando detrás dos créditos reembolsabeis a estrepitosa caída no financiamento da investigación.
Dos 5.633 millones orzamentados 3.383 millones corresponden ao capítulo de préstamos. O grao de execución destes préstamos é baixísimo polo que a súa inclusión orzamentaria crea unha ficción de financiamento. Como mostra do orzamentado en 2012 non se executou nin o 50%.  Parece claro que nun sistema de investigación en precario sen prácticamente outras achegas que as públicas parece dificilmente sostibel pretender financiar a investigación con base a préstamos reembolsabeis.
O gasto en I+D está na media comunitaria no 2% e no Estado español non chega ao 1,3%.
Sinalar tamén que aumenta o gasto en I+D militar pasando de 363 millóns en 2013 a 506 millóns de euros no vindeiro orzamento o que se enmarca nunha escalada do gasto militar tanto pola vía dos orzamentos como das modificacións extraordinarias para enxugar a tremenda burbulla de gasto en defensa.



sexta-feira, 13 de setembro de 2013

Autonomía tutelada



As autonomías voltaron á minoría de idade como a nena de Rajoy.  Sucédense cambios normativos para someter ás comunidades autónomas a tutelas centrais reducindo o seu ámbito de decisión política e convertíndoas en relaxados negociados administrativos expendedores das receitas do poder único.
O proxecto de lei de Garantía da Unidade de Mercado, como o anteproxecto de lei de Tratados, o de Acción Exterior e do Servizo Exterior ou o Real Decreto 515/2013, de 5 de xullo, polo que se regulan os criterios e o procedemento para determinar e repercutir as responsabilidades polo incumprimento do Dereito da Unión Europea, fixan mecanismos de veto unilateral estatal a decisións autonómicas.
Co proxecto de lei de Garantía da Unidade de Mercado o goberno central pretende coñecer e vetar con carácter previo todas as normas autonómicas que poidan ter efecto no extensísimo concepto de "mercado".  Mutílase a posibilidade de dispor de normas diferenciadas froito das políticas propias ao establecer que calquera actividade económica poderá desenvolverse en calquera punto do Estado sen posibilidade de ser sometida a novos requerimentos (de seguridade, ambientais, lingüísticos, laborais...) no exercicio das competencias propias.  Ademáis do previsibel "dumping" normativo, elimínase de forma radical a capacidade normativa autonómica e habilítase á gubernamental nova Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia para recorrer, como non podía ser menos, ante a Audiencia Nacional frente a calquera norma ou acto que entenda que impide a unidade de mercado.
No capítulo das margalladas únense á resesa defensa de Xibraltar dous proxectos normativos para limitar a acción exterior autonómica. Por un lado, as comunidades autonómas terán que pedir permiso para asinar todo tipo de acordos internacionais nos ámbitos das súas competencias, por exemplo, para consolidar Ponte nas Ondas como experiencia cultural conxunta entre Galiza e Portugal.  Por outro, preténdese obrigar a pedir autorización do goberno central para a apertura de oficinas de negocios e conseguir o nihil obstat previo das viaxes do Presidente da Xunta ao exterior.  A ver se coa bendición madrileña acaba conseguindo, por fin, cambiar planeadoras por floteis.  Igualmente o Consello de Ministros vai determinar unilateralmente quen debe pagar polos incumprimentos do dereito da UE.  Parece claro que as voces que siguen insistindo en que estamos na panacea do estado descentralizado e nun nivel de autonomía política sen parangón, rozan o delirio e pechan os ollos ante a intensísima involución recentralizadora.  O camiño da recentralización unitaria é inexorabel e non está disposto a admitir medias tintas.
Atrás quedan os principios de lealdade institucional e a pretendida resolución dos conflitos polo Tribunal Constitucional. A ofensiva é de tal natureza que o PP busca métodos máis expeditivos que agardar á dócil, mais lenta, xurisprudencia do Tribunal Constitucional (TC).  Mesmo despois de ter practicado un asalto institucional a este órgano inzándoo de maxistrados con carnet e/ou obediencia orgánica, a posibilidade deste tribunal suspender as normas autonómicas -ou as meras declaracións institucionais como vén de facer recentemente coa do Parlament de Cataluña- mentras non dita sentenza, non resulta garantía dabondo para as insaciabeis máquinas de recentralización estatal.  Precisan un control "ex ante" que lle permita ao Consello de Ministros vetar decisións autonómicas pervertindo a engranaxe constitucional.
A diferencia entre a autonomía política autonómica e a autonomía administrativa dos entes locais residía precisamente en que o autogoberno autonómico fundamentábase na súa capacidade lexislativa para dotarse dun sistema institucional e político no exercicio das competencias propias.  Porén a devaluación do ámbito competencial autonómico foi sofrendo ataques sucesivos que quebran definitivamente a ficción do estado autonómico como espazo para integrar a vontade de autogoberno vasca, catalá e galega.  A profundísima desfiguración das competencias autonómicas a través de títulos competenciais transversais estatais como a ordenación xeral da economía, o réxime xurídico das administracións, as bases en materia enerxética, ambiental, de augas, o a lexislación básica civil, mercantil, laboral foi un primeiro chanzo para coutar o desenvolvemento autonómico.  A recentralización competencial de facto  co ingreso na UE ao ser impermeabel o Reino de España á participación autonómica na elaboración da posición estatal e na negociación en Bruxelas (como si fai Bélxica), un paso máis. A inestimabel colaboración da xurisprudencia do TC, que nos últimos tres anos experimenta un aínda máis acentuado ritmo de recentralización competencial mesmo en cuestións nas que existía xurisprudencia previa máis favorabel ás comunidades autónomas, pecha o círculo. Un exercicio pacato, tamén, do autogoberno autonómico por parte de gobernos encabezados por PP e, moitas veces PSOE, rápidos en ceder ante calquera reclamación do poder central son os elementos que lle dan remate a esta ficción.
Paradoxos da vida que se proclame constitucionalista un partido como o PP ao que lle chegan os artigos 2 e 135 da Constitución española.  O PP exerce con decisión desacomplexada un extenso programa de reformas institucionais para voltar ao estado centralizado unitario e as outras forzas estatais practican o funambulismo sen cuestionar realmente a vaga recentralizadora.  Unha recentralización que anula a nosa capacidade de decisión sobre os nosos recursos, as nosas políticas, os dereitos que queremos para a nosa cidadanía.
Frente aos rancios discursos ao servizo dos lobbys empresariais impulsores do proxecto recentralizador que cren ofrecer o paraíso nun "relaxing café con leche en la Plaza Mayor", decidir nós sobre as nosas relacións co mundo (cando, como e onde proxectamos a nosa cultura e ás nosas empresas);  sobre os requisitos que lles esiximos ás empresas para operar facendo que sexan respectuosas cos nosos recursos, co ambiente, coa saúde e a seguridade, cos dereitos das persoas consumidoras e traballadoras, é unha aposta democrática polo noso futuro.

SERMOS GALIZA 13.09.2013