domingo, 2 de junho de 2013

O Dereito e a minaría: normas para que?



Coma no conto do paisano que vai ao avogado debemos preguntarnos se as normas son para que si ou para que non. O PP avanza compulsivamente na súa vontade de facer saldos co país retorcendo a aplicación das normas ambientais e aprobando outras para facilitar que toda Galiza sexa unha mina.
As normas da minaría hoxendía deberían cumprir varias funcións. En primeiro lugar impedir totalmente as actividades extractivas que supoñan unha agresión inadmisibel quer do punto de vista ecolóxico, territorial ou económico.  En segundo lugar establecer as condicións para que aqueles proxectos  que poidan ser admisibeis e se mostren necesarios (ex. materiais primas precisas para facer desde bolígrafos ata móbiles) se desenvolvan de xeito que se minimice o seu impacto.  En terceiro lugar, as normas tamén deberían servir para impulsar políticas de fomento da redución do uso de minerais, de recuperación e reciclaxe (ex. a denominada minaría urbana).  Finalmente a lexislación podería axudar a garantir que os bens públicos, os minerais sono, ofrezan retornos ás comunidades e á sociedade que os posúe. Prohibicións de determinadas prácticas e ubicacións; condicionados estritos e avaliacións de impacto ambiental; política de residuos e; participación pública nas sociedades ou cánones de aproveitamento, serían algunhas das fórmulas para impedir de plano a megaminaría contaminante e fixar pautas sustentabeis nas actividades extractivas que poideran ser precisas e admisibeis.
Desde a Consellería de Industria do BNG durante o goberno bipartito impulsouse a Lei de Ordenación da Minaría que abría portas tanto para denegar proxectos mineiros como para limitar os impactos dos que se autorizaran.  Por unha banda permitíase deixar desertos concursos de dereitos mineiros, por exemplo por consideracións ambientais.  Por outra introducíase un trámite de compatibilidade con outros usos que permitía apreciar se a explotación mineira era incompatibel desde o punto de vista ambiental ou económico con outras actividades (agrícolas, pesqueiras...) impedindo a súa posta en marcha.  Ademáis o Plan sectorial de actividades extractivas debía fixar “a coordinación cos instrumentos de protección ambiental e patrimonio cultural coa determinación dos ámbitos incompatibeis con actividades extractivas polas necesidades de preservación dos ditos bens sociais”.  No tinteiro quedou, pola falta de desenvolvemento do regulamento polo goberno do PP, a regulación dos concursos dos dereitos mineiros que debía servir para garantir unha participación pública nos beneficios desta actividade e impoñer limitacións a modelos de explotación fortemente depredadores e ambientalmente inviabeis.
Hoxe as tornas van noutra direción. A Xunta de Galicia, lonxe de poñerlle trabas a estes proxectos dalles para adiante sen ningún tipo de limitacións.  Impulsa a Lei de Política Industrial coa que se un proxecto tiver a declaración de proxecto industrial estratéxico reduciríase substancialmente o periodo de participación pública para presentar alegacións, tería dereito á expropiación urxente dos bens necesarios para poñerse en marcha, a axudas públicas directas sen concorrencia competitiva e evitaría o control urbanístico local.
A política de saldos co país de Feijóo está levando tamén a un uso, xa non deturpado, directamente contraditorio coa súa finalidade das técnicas de avaliación ambiental.  O documento de inicio do Plan sectorial de actividades extractivas en tramitación non fixa claramente ningún tipo de exclusión de partes do territorio á voracidade mineira (espazos naturais protexidos, solos agrarios...). Por outra banda, a inexistencia dunha política industrial tamén fai que estas actividades esgotadoras de recursos, se for considerado preciso obter eses minerais, non se vexan acompañadas de instalacións industriais que pechen os ciclos productivos ou de participación pública nos beneficios. Eles levan a riqueza, nós quedamos cos residuos e os buratos.
Finalmente óbvianse os instrumentos existentes para someter os riscos ambientais a fianzas ou sistemas de aseguramento. Non porque non se poida, porque non se quere  xa que hai normas que o permiten (Decreto 455/1996 de fianzas en materia ambiental, Lei 26/2007, responsabilidade medioambiental, Real Decreto 975/2009, de 12 de junio, sobre xestión dos residuos das industrias). Se as balsas de residuos tóxicos romper, as galegas e galegos aportaremos os nosos cartos para restaurar os estragos (lembremos Aznalcollar) e soportaremos a contaminación. As empresas desaparecerán nun escuro entramado empresarial con sede allea e esquiva ao control (na memoria o Prestige e Aznalcollar).
En definitiva, o PP ponlle unha alfombra vermella, tamén xurídica, a proxectos que buscan abrir Galiza en canal e que só van deixar estragos ambientais.

Sermos Galiza, A fondo (só en papel), nº 49/2013