quinta-feira, 4 de abril de 2013

INDO AO CASO


O caso non é se Feijóo aos 34 anos era un inconsciente ou parvo. O casó non é que, aínda así, o PP confiara nel para ser o segundo da Consellería de Sanidade ou o Presidente do Insalud. Tampouco o momento, ou as causas ou o medio no que saen publicadas.
Hai caso porque a mediados dos anos noventa cando xa se producira a operación Nécora, morrían máis de 1000 persoas ao ano polas drogas (precisamente no pico máis alto de mortes), as redadas se sucedían con cadencia reiterada, ninguén mínimamente informado subía despreocupadamente a unha planeadora con alguén claramente significado con negocios ilegais.  Ninguén mantiña relacións indirectas con persoas que xa tiñan sido encausadas en varios procesos xudiciais despois de eles caeren detidos en distintas redadas.  Daquela xa as relacións só podían ser directas. Ao sol, con luz e sen complexos. 
A confianza, a reiteración dos contactos (en Galiza e fóra, con sol e neve, durante varios anos) mostran algo máis que unha coincidencia casual.  Revisemos os álbumes de fotos familiares e miremos cantas fotos temos en bañador con alguén que non pertenza ao noso círculo máis próximo.  Unha confianza, en fin, intolerabel para un gobernante.  Unhas disculpas tatexantes indignas dun presidente.  
Se alguén leva anos intentando chantexar ou coaccionar a Feijóo, aí están os xulgados. Sería preocupante que o presidente de Galicia goberne preso da ameaza de revelación de asuntos turbios que el argumenta ser tan fácilmente explicables.  Que denuncie a chantaxe e a coacción se ese for o caso.
Tamén é preocupante que non perciba o gravísimo ataque á confianza na política e nas nosas institucións que supón manterse como presidente da Xunta despois deste indefendibel compadreo.  O PP segue enlamado nas súas perigosas conexións cun entramado que sementou de mortes a miles de familias e buscou construir un control social paralelo e antidemocrático.  
O feito do presidente do noso país manter unha relación de grande amistade cun dos principais capos do narcotráfico de Galicia é absolutamente intolerabel. Non era o amigo do patio escolar ou da mocidade. É un amigo conscientemente elexido cando xa era un alto cargo político e Marcial Dorado xa fora detido e procesado en distintas ocasións.  E iso non é un erro persoal, é un gravísimo problema político.  Un problema político que, malia a tinta de lura, non ten que ver con fotos en barcos senon cos vencellos  sospeitosos con actividades ilegais e as implicacións reitaradas do PP con estes suxeitos.  Porque actividades ilegais eran tanto o contrabando de tabaco como o posterior narcotráfico.   Ninguén lle está pedindo contas a Feijóo polas súas relacións cun empresario estase pedindo que actúe como calquera gobernante democrático debería facer ante unhas relacións tan indignas.  Noutros países dimiten por plaxiar teses ou falsear datos en multas de tráfico, peccata minuta indo ao caso.

Publicado en SERMOS GALIZA 4.4.2013