sexta-feira, 19 de julho de 2013

Estado de excepción ambiental

Rosa Fernández Caamaño (1º premio concurso APDR 2007)

A crise económica vén utilizándose como escusa para un profundo excepcionamento da normativa ambiental.  Nos últimos tempos proliferan as normas que recollen amplos catálogos de excepcións ao réxime aplicabel, que reducen as garantías propias do ordenamento ambiental ou mesmo que buscan a blindaxe legal de proxectos que son obxecto de contestación social.  O goberno de Feijóo, sempre punteiro no que se refire a levantar a veda depredadora, acumula exemplos nesa dirección, mais tamén na lexislación estatal e doutras comunidades autónomas o estado de excepción parece esparexerse.
En primeiro lugar, a excepción ambiental atopa o seu acomodo máximo na aprobación por lei de proxectos singulares controvertidos.  Saltando o carácter xeral e indeterminado das leis blíndanse o que materialmente son decisións administrativas ou normas propiamente regulamentarias.  Deste xeito prácticamente se elimina a posibilidade de recurso xudicial (as leis só son recorribeis ante o Tribunal Constitucional e por un catálogo pechado de suxeitos) e anúlanse as vías de participación que contempla a normativa ambiental para os procedementos administrativos (ex. trámites de información pública, scooping na avaliación de impacto...).  A elevación de rango da normativa eólica en Galiza foi a vía usada por Feijóo para intentar sortear o regueiro de recursos que sementara coa súa ilegal decisión de paralizar o concurso eólico. Do mesmo xeito apróbanse por lei proxectos fortemente controvertidos para blindar esas decisións materialmente administrativas como as infraestruturas hidráulicas do Plano hidrolóxico estatal, a destrución do barrio do Cabanyal en Valencia, o proxecto Meseta-Ski en Castela-Léón ou, antes, o vertedoiro de residuos de Santovenia ou polémico caso de Itoiz.
Unha segunda estratexia usada para limitar os condicionamentos da normativa ambiental é a inclusión de amplos catálogos de excepcións na normativa. O indulto masivo que se establece na reforma da Lei de Costas e que afecta a 154.000 inmobeis, 1700 instalacións industriais e 12 núcleos costeiros, é un exemplo evidente nesa liña.  Tamén recentemente o PP promovía en Galiza unha Lei de Vivenda que permitiría incumprir as sentenzas firmes de derrubo de vivendas e instalacións comerciais e industriais declaradas ilegais.  Afortunadamente é de agardar que a doutrina sentada polo Tribunal Constitucional na STC 92/2013, de 22 de abril, en relación cunha lei semellante cántabra declare inconstitucionais estas previsións. Non moi lonxe desas prácticas está a habitual pretensión de desclasificación de espazos naturais para "acomodar" os seus límites cos de actividades depredadoras e lesivas.  A UE esixe que se motiven os criterios científicos que levan a reverter decisións previas sobre a importancia dos ecosistemas mais iso non parece supor unha pexa para rexedores municipais, autonómicos ou estatais á hora de priorizar consideracións económicas sobre as ambientais.
A seguinte vía de instaurar un estado de excepción ambiental é a dos procedementos ou convenios administrativos que facilitan un tratamento singular de determinados proxectos. Búscase o efecto "tapete vermello" mediante a substracción de determinados proxectos da tramitación ambiental ordinaria coa súa tramitación por unha vía privilexiada.  En Galiza antes co Decreto de supramunicipalidade -ideado polo goberno Fraga para quitar a ENCE do control do concello de Pontevedra-, agora coa Lei de Política Industrial de Galicia  e os proxectos industriais estratéxicos -pensada por Feijóo, por exemplo, para Corcoesto- permíteselles unha tramitación acelerada, a redución dos trámites de participación da cidadanía e dos movementos sociais, a eliminación de controis preventivos municipais (licenzas...), a preferencia para obter axudas públicas ou axudas directas sen concorrencia, o beneficio da expropiación urxente e a obriga de modificación do planeamento urbanístico aos ditados da Xunta.   A numantina resistencia do Concello de Pontevedra ou a Asociación para a defensa da ría (APDR) conseguiou doblarlle o pulso á Xunta con senllas sentenzas do Tribunal Supremo en 2012 logo dunha prolongada batalla xudicial.  A reforma da Lei de Costas foi a resposta.  Igualmente o escandaloso caso do convenio urbanístico promovido pola Xunta de Galicia para legalizar máis de 3000 vivendas ilegais en Barreiros, que acaba de coñecer unha derrota xudicial da man da tenacidade de ADEGA, mostra como a pretensión de torturar a normativa ambiental é firme e busca con insistencia camiños
Finalmente, o pretexto da simplificación administrativa.  Con teimosía véndese a redución de trámites administrativos como un logro da desburocratización (nin asomo do impulso dunha verdadeira administración electrónica que internamente prescinda do papel e o lento decorrer polos gabinetes administrativos dos papeis para conseguir acurtamentos de prazos). Porén a supresión de trámites, mesmo a eliminación de licenzas, tan en boga, ten como contraparte a desaparición dos mecanismos de participación que permiten á cidadanía, aos colectivos ecoloxistas, aos movementos sociais en xeral, participar nos procedementos.  Se non hai licenzas de funcionamento ou, como apunta o novo proxecto de lei de Unidade de Mercado, se unha licenza obtida no territorio do estado coa lexislación máis laxa serve para implantarse en calquera comunidade autónoma, o dumping normativo está en marcha.  As instalacións problemáticas buscarán o acceso ao mercado no punto onde os estándares ambientais, de seguridade, de protección dos consumidores sexan máis relaxados.  Se a actividade comeza cunha simple comunicación previa non haberá un procedemento administrativo no que presentar alegacións sobre os impactos ambientais. A empresa comezará a funcionar só con comunicalo asumindo baixo a súa responsabilidade que coñece e cumpre a normativa aplicabel.  
Hai ben pouco aprobábase a Lei 5/2013 pola que se modifica a normativa de control integrado de contaminación, que somete a autorización ambiental integrada ás instalacións cun impacto ambiental severo.  Pois ben, a renovación da autorización que antes era preciso facer como máximo cada oito anos e que permitía novamente alegar os problemas percibidos, adaptar aos cambios lexislativos ou técnicos a licenza, agora desaparece.  Só será preciso renovar a autorización se a Administración requirir á instalación que o faga.  Apostamos algo a que unha boa parte das instalacións diríxense cara autorizacións prácticamente indefinidas?.
En definitiva, un amplo cadro de estratexias que van desdebuxando os perfís da normativa ambiental convertíndoa nunha sorte de queixo emmental con furados polos que é doado eludir o control sempre que se atopen cun complacente goberno dispostos a unha política de saldos co medio.

SERMOS GALIZA 19.07.2013

domingo, 14 de julho de 2013

Persoal ao servizo das Administracións públicas #mitos do centralismo

O emprego público descendeu un 4% en só seis meses (xullo 2012-xaneiro 2013). Agora ben a tesoura afecta con moito maior intensidade a Comunidades Autónomas, Universidades e, sobre todo, entes locais, que á Administración Xeral do Estado (menos do 2%). 






Porén na noticia que publica hoxe El Pais faltan uns datos do Boletín Estatístico de Persoal moito máis reveladores. 




A administración estatal conta con máis persoal para funcións burocráticas que todas as administracións autonómicas xuntas. Entre todas as CCAA teñen 222.954 empregados públicos frente aos 227.814 do Estado adicados a funcións xerais da administración. O groso do persoal das comunidades autónomas é o sanitario e docente (case un millón). A pregunta é, que fan os case 7000 funcionarios de oficinas do Ministerio de Educación? E os 8500 do Ministerio de Agricultura e Medio ambiente?. Tendo en conta as competencias estatais nesas materias resulta difícil de explicar...‪#‎eseburatonegro‬
Outro dato relevante para o modelo social e económico: case tanto persoal nas forzas armadas como nas universidades.

terça-feira, 9 de julho de 2013

Centralismo desatado ao servizo da contra-reforma neoliberal


Estamos con clareza nunha fin de etapa. Os avances miudos no proceso de descentralización hai tempo que abriron paso a un acelerado proceso de recentralización competencial e territorial.  Unha recentralización intensa que é un presuposto necesario para a extensión do proxecto neoliberal.  No plano estatal e no europeo centralización, baleiramento dos espazos de control democrático e políticas neoliberais van unidos como pezas dun mesmo puzzle.  A economía posta ao servizo das grandes corporacións e das entidades financeiras precisa ter baixo control centralizado os ámbitos de decisión sobre os que incidir e limitar a existencia de versos soltos. No sector bancario, comercial, sanitario, enerxético, vemos como a garantía da posición das grandes corporacións esixe suprimir calquera ámbito de decisión política autónoma que poida trazar modelos diferenciandos que resten espazo ao seu control. A loita dos horarios comerciais de Euskadi; o concurso eólico do bipartito; a poxa farmacéutica de Andalucía; o intento de supervivencia dun sistema de caixas territorial, son todas incómodas mostras de como o autogoberno é combatido con crueza para garantir o control oligopólico dos recursos.
Xa desde antes, mais simbólicamente coa segunda vaga de Estatutos de Autonomía márcase un punto de inflexión e estreitamento do marco autonómico. A discusión do plan Ibarretxe no parlamento estatal une ás forzas políticas estatais (PP, PSOE, IU...) coa súa negativa, ou pasividade, en pechar a posibilidade de Euskadi ter maiores cotas de autogoberno. Posteriormente o "cepillado" nas Cortes e a rebarbadora no TC coa sentenza do Estatut catalán marcan a ferro a fin dunha etapa de avances miudos e abren un camiño acelerado de recentralización institucional, territorial, competencial e cultural.
O PP somete o autogoberno a unha placaxe institucional extrema. Redución dos parlamentos e desprezo das súas funcións, desempeño gratuíto dos postos, anulación doutras institucións de autogoberno (Valedores, órganos de fiscalización das contas, consellos económicos e sociais), ofensiva para a supresión das oficinas de acción exterior, reformas na normativa audiovisual para privatizar e suprimir as televisións públicas autonómicas. 
Territorialmente tamén impulsan cambios radicais.  A reforma local invade o espazo competencial autonómico tomando decisións sobre competencias que non son estatais (ex. servizos sociais) e esfarela a autonomía local.  O pulo polas decadentes deputacións provinciais non ten outra finalidade que elas actuar como contrapoder do autonómico.  Na mesma liña a supresión dos partidos xudiciais que pretende reforzar as capitais de provincia avanzando na desvertebración territorial, reforzando a planta provincial e facilitando a implantación dos grandes bufetes. A eliminación do tren de proximidade, a reconfiguración das áreas sanitarias...medidas todas  de aposta por un modelo territorial provincializado controlabel radialmente desde Madrid.
O varrido competencial rebaixa a unha pura autonomía administrativa o autogoberno autonómico.  
No plano económico a reforma constitucional express pactada polo PP e o PSOE do artigo 135 da Constitución provocou o secuestro das competencias económicas autonómicas orzamentarias e foi acompañada por medidas de control do déficit infinitamente máis severas para as CCAA que as aplicadas á Administración central.  Pero podemos engadir: a liquidación por derrubo das competencias no sector bancario -caixas de aforro-;  a futura lei de unidade do mercado que pretende eliminar todas as políticas propias (ambientais, de protección dos consumidores, sociais, lingüísticas...) que poidan "estorbar" a implantación de actividades favorecendo un "dumping" normativo ao garantir que a licenza obtida en calquera parte do estado (preferibelmente onde os estándares de esixencia sexan menores) vai permitir operar sen someterse ao control de ningunha outra administración; a imposición manu militari da normativa de horarios comerciais frente ás CCAA que se resistían a permitir a apertura en domingos e festivos -Euskadi-;  a  centralización total das competencias enerxéticas que, unido ás ilegalidades do goberno Feijóo, ten provocado o colapso do sector eólico en Galicia; a lei de cadea alimentar que invade as competencias en agricultura autonómicas e non resolve o problema dos prezos do leite; ou a imposición dunha severísima taxa de reposición de efectivos uniforme ás Administracións que obriga a prestar os servizos mediante a contratación de empresas privadas sen marxe para políticas diferenciadas de xestión pública directa.
A aposta é tamén cultural. Marca España, lei Wert na educación, supresión das TV autonómicas, ofensiva frente ás linguas propias (do decreto de plurilingüismo en Galiza ou Baleares, ao lapao en Aragón, ao ataque ao modelo de inmersión en Cataluña, ao peche das liñas en catalán en Valencia). Non hai marxe para veleidades e o programa implacabel de unidade política, económica e ideolóxica avanza firme.  Un programa que blinda a monocorde interpretación da Constitución coa toma do control das principais institucións centrais, nomeadamente, o Tribunal Constitucional extremando máis se cabe unha deriva centralista xa perceptibel desde hai un tempo pero que terá sen dúbida capítulos memorabeis nos vindeiros anos.
Contra-reforma económica e contra-reforma política camiñan da man e son parte inseparable dun mesmo agresivo programa neoliberal.  Con igual urxencia teñen que ser as dúas atacadas pois unha está ao servizo da outra.  A emerxencia social está provocada por recortes e políticas que se garanten mediante un profundo proceso de recentralización.  O proxecto neoliberal garante a súa extensión coa destrución de espazos de soberanía e democracia.  Centralizadamente decídese a supresión da atención sanitaria universal, a redución das axudas á dependencia, a situación do sector naval, a reforma da PAC, a destrución do sistema financeiro galego, a eliminación do tren de proximidade, o atraco das preferentes.  Dicía Séneca en Medea: cui prodest scelus, is fecit (ao que beneficia o crime é quen o cometeu), sabemos a quen benefician esas medidas (grandes corporacións de servizos, gran banca, agricultura extensiva do sul, grandes construtoras...) e sabemos tamén que a centralización do poder en Madrid e Bruxelas son precisas para que o que se cociña no palco do Bernabeu, Davos ou no clube Bilderberg poida lerse axiña nas páxinas do BOE ou o DOUE.
Por iso a loita contra a desvertebración social, económica e territorial froito das políticas neoliberais é tamén a loita para termos capacidade para decidir.  E adiando este debate adiamos tamén as solucións ao estado de emerxencia social.

SERMOS GALIZA 4.7.2013