terça-feira, 1 de maio de 2012


Universidades: un novo mercado para a iniciativa privada




Os cambios que sen control parlamentar, negociación sindical e con invasión de competencias autonómicas e da autonomía universitaria ven de introducir o Real Decreto Lei 14/2012 no ensino universitario confirman a liña de degradación da calidade da docencia e a investigación nas universidades e de facilitación da competencia das universidades privadas.
Os pronunciamentos da USC, do Reitor da UDC -convocando ao seu Claustro para expresarse- ou dos reitores na CRUE son claros no sentido de denunciar a exclusión económica do estudantado, o empeoramento das condicións laborais do profesorado e o descenso na calidade da docencia e a violación da autonomía universitaria e das competencias autonómicas.
A espectacular elevación das taxas universitarias vai parella a unha baixada dos recursos destinados a bolsas e un endurecemento dos criterios de concesión -aumento dos créditos superados necesarios para obtela e elevación da nota mínima-.  As medidas de fixación dun número mínimo de alumn@s por titulación reducen tamén a oferta académica.  Todo isto unido á xeneralización dos números clausus en moitas titulacións para poder adaptarse ao tipo de docencia que requeriría o Espazo Europeo de Educación superior provoca un efecto de expulsión do sistema universitario público dun elevado número de estudiantes.  Os últimos datos publicados do INE, que se corresponden co curso 2009-10, xa apuntan esta tendencia de trasvase ao ensino privado dado que a matrícula nas universidades privadas incrementouse nun 7,8% respecto ao curso precedente, mentras que nas públicas aumentou un 0,8% (diferencia que medra no estudantado de novo ingreso no que as públicas suben un 10,7% e as privadas o 24,8%).  Pese ás afirmacións nos últimos días de Feijoo no sentido de Galiza non aumentar as ratios de alumnado por aula, o certo é que estas medidas xa foron aprobadas polo goberno autonómico (Decreto 222/2011, de 2 de decembro) e no vindeiro curso non poderán comezar as clases moitas titulacións de grao e master polos límites establecidos.  
A exclusión económica á que conduce este proceso casa coas continuas chamadas de organismos como a OCDE e a propia UE a reducir o acceso ao ensino universitario por considerar que a poboación está sobrecualificada.  A diminución de estudantes universitarios ten como trasfondo a vontade de ter unha man de obra máis barata e con menos aspiracións sociais e unha redución do investimento público en educación superior.  Os desaxustes na formación que tamén amosan eses datos non teñen unha relación directa co recorte do número de estudantes universitarios senón coa inexistencia dunha planificación dos investimentos e unha falta de orientación do ensino cara titulacións, de FP e universitarias, con máis demanda no tecido productivo pero que tamén precisan dun investimento maior do que agora teñen (enxeñarías, formación profesional en novos sectores).  Precisamente outra das medidas que aproba o RDL 14/2012, a fixación de taxas en función dos custes das titulacións, apartará aínda máis ao estudantado das titulacións máis demandadas polo mercado laboral (ex. enxeñarías) ao encarecelas vertixinosamente.
Noutra orde de cousas a modificación das condicións laborais do profesorado, incrementando o encargo docente dun amplo número de profesores, provocará a medio prazo unhas universidades nas que desapareza o equilibrio entre actividade docente e investigadora e, por tanto no que a docencia non se nutra da investigación.  Os datos que periodicamente publica a CNEAI en relación coa evolución dos sexenios (que miden unha parte da investigación que se realiza nos centros públicos de investigación) son reveladores da clara correlación entre a adicación á investigación e os resultados conseguidos mostrando como os investigadores do CSIC e das áreas de coñecemento con menores ratios de alumnado conquiren maiores taxas de éxito.  A redución do gasto en investigación e o aumento de horas lectivas fai prever un descenso  a medio prazo da calidade do servizo que fará que desapareza o segundo factor principal de competitividade das universidades públicas frente ás privadas que é a formación do seu profesorado.  Nin serán substancialmente máis caras co encarecemento das taxas públicas, nin será tan clara a fenda na cualificación do profesorado (a ratio de doutores ou de producción científica entre as universidades públicas e privadas é notablemente distinta).  
Paralelamente os adalides da privatización colaboran activamente na implantación de universidades privadas.  En Madrid o goberno autonómico aproba a cesión gratuita de terreos e edificios, unida  a subvencións públicas, para a instalación de institucións privadas como a London School of Economics e a New York University que anuncian non só oferta académica senon actividade de consultoría.  En Valencia sucede o mesmo con universidades da igrexa.
A Directiva de Servizos, 123/2006/CE, coñecida como Directiva Bolkestein, xa anunciaba un proceso de liberalización do sector do ensino superior.  Malia que no seu texto se falaba da exclusión do seu ámbito de aplicación do ensino, o certo é que pronto as autoridades comunitarias indicaron que as etapas de ensino non obligatorias tiñan a consideración de servizos.  Deste xeito as empresas adicadas ao ensino superior aplícanselle as medidas que reducen drásticamente o control administrativo sobre actividades e permiten a prestación a operadores que esencialmente deberán poder ofertar estes servizos sen que se lles poidan impoñer requisitos suplementarios aos do país no que están radicados orixinariamente, moitas veces moito máis laxas nos estándares de calidade requeridos (cualificación do profesorado, servizos ao estudantado, número de titulacións...).
Se a estas medidas de privatización unimos os fortísimos recortes aos fondos de investigación -tanto nas convocatorias competitivas de proxectos como nos programas de persoal- e os ataques á autonomía universitaria, sometendo a intervención externa os orzamentos universitarios, o cadro de persoal e as titulacións, parece claro que no futuro as universidades públicas non seguirán sendo nin o motor de igualación social polo seu papel na formación da cidadanía, nin o piar principal da investigación que se realiza no noso país. 
Publicado en  SERMOS GALIZA 30.04.2012