sexta-feira, 28 de dezembro de 2012

SALDOS FEIJÓO





Agora Corcoesto coa febre do ouro. Antes a nuclear en Xove (1976-77), a extración de area en Baldaio (1977), a celulosa en Ponteceso (1976), a mina de carbón das Encrobas (1977), o verquido á foxa atlántica de residuos nucleares (1981). Historias de loitas colectivas, de autoorganización e dignidade na defensa da terra e das actividades productivas existentes.  Están abertas as loitas contra a mina de seixo na Terra Chá e a ubicación indiscriminada de parques eólicos, instalacións de acuicultura e centrais hidroeléctricas por todo o país.  Galiza como paraíso dun modelo productivo caduco baseado na depredación dos recursos naturais sen transformar e sen retornos.
Na búsqueda do difícil equilibrio entre o desenvolvemento económico e a protección ambiental xúntanse a fame e as ganas de comer.  A precarísima situación económica utilízase con irresponsabilidade pola Xunta de Galicia para apoiar proxectos cun elevado impacto ambiental coa excusa dunhas mancheas de postos de traballo.  Onte e hoxe as cifras de emprego magnifícanse para achegar vontades (en Corcoesto Feijóo anuncia 1400 e a empresa limítaos a 270 –son necesarios 250 para ser declarado proxecto industrial estratéxico- dos que tan só eventualmente a metade serían locais sen aclarar a duración dos contratos).  
En todos os casos as pautas de explotación combinan actividades con problemas ambientais moi severos (uso de mercurio no blanqueado do papel, de cianuro e arsénico na extracción do ouro, residuos nucleares...), a aplicación de estándares de explotación moi alonxados das mellores tecnoloxías dispoñibles, o control dos nosos recursos por empresas de fóra e a ausencia de compensación pola depredación intensiva realizada.
A Xunta de Galicia, lonxe de poñerlle trabas a estes proxectos dalles para adiante sen ningún tipo de limitacións.  Impulsa a Lei de Política Industrial coa que se un proxecto tiver a declaración de proxecto industrial estratéxico reduciríase substancialmente o periodo de participación pública para presentar alegacións, tería dereito á expropiación urxente dos bens necesarios para poñerse en marcha, a axudas públicas directas sen concorrencia competitiva e evitaría o control urbanístico local. Blinda normativamente, en definitiva, o que o Decreto plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal de 2000 puxera en marcha para evitar que o Concello de Pontevedra poidese facerlle a vida incómoda a ENCE.
Torturando a aplicación da normativa ambiental, a Xunta de Galicia aproveita a lentitude da xustiza en poñer couto aos desmáns para seguir adiante (a APDR e o Concello de Pontevedra venceron en 2012 o recurso frente á declaración de supramunicipalidade de 2003). Aceptando estudos de impacto ambiental sesgados ou directamente falsos (Agustín Hernández promoveu desde Augas de Galicia unha "corrección de erros" para aplicar un estudo de impacto andaluz plaxiado ao encoro do Umia).  Omitindo informes esenciais.  Negando información á que temos dereito á cidadanía.  Dando prevalencia a uns intereses sobre outros.  Permitindo a utilización de tecnoloxías obsoletas ou a piques de ser prohibidas (ex. o uso do cianuro na minaría de ouro).
A loita do sindicalismo labrego en Xove ou na Terra Chá, dos comuneiros en man común en Chantada para o mantemento dos usos tradicionais do monte frente a un parque eólico, son indicativos de que na valoración da implantación de actividades tamén hai que ter en conta os impactos noutras actividades produtivas (agricultura, gandaría, aproveitamentos forestais, pesca, marisqueo, turismo...).  Non obstante, o envellecemento e o despoboamento de moitas partes de Galiza, provoca que moitos destes proxectos se acollan calorosamente e obriga a reflexionar sobre a forma de facer que o respecto polo medio non sexa só unha inquedanza de "urbanitas" aos que os a poboación local percibe como intrusos que negan alternativas de emprego para os que, en definitiva, non abandonaron o seu.  
Por outra banda, a inexistencia dunha política industrial tamén fai que estas actividades fortemente esquilmadoras de recursos non se vexan acompañadas de instalacións industriais que pechen os ciclos productivos aportando valor engadido.  A grande pureza do seixo que se extrae no monte mítico do Pico Sacro, sen respecto algún para os valores paisaxísticos e culturais, será utilizado na industria óptica ou electrónica doutros países. O ouro de Corcoesto acabará en Canadá.  O proxecto de transformación da pasta de papel en papel tisú de ENCE tan só sae á luz pública cando toca utilizalo para renovar tramposamente as licencias ambientais.
Os riscos ambientais tampouco se someten a fianzas ou sistemas de aseguramento. Non porque non se poida xa que hai normas que o permiten. Porque non se quere.  Se a balsa de lodos vermellos de Alcoa ou a de residuos tóxicos de Corcoesto romper, as galegas e galegos aportaremos os nosos cartos para restaurar os estragos (lembremos Aznalcollar) e soportaremos a contaminación.  As empresas desaparecerán nun escuro entramado empresarial con sede allea e esquiva ao control (na memoria tamén o Prestige e Aznalcollar).
E que quitamos de proveito? A nosa auga, o noso vento, os nosos recursos mineiros son bens de dominio público.  Cal é o prezo que pagan as empresas por deixarnos sen eles?. En 8 anos Corcoesto será só un furado contaminado de cianuro e arsénico.  Os cañóns do Sil non teñen o caudal ecolóxico. Valdeorras ou Porriño serán paisaxes arrasadas.  A cambio de que?.  Na maior parte das actividades non se impón canon de aproveitamento. Houbo que agardar ao Decreto eólico promovido polo BNG  no bipartito para falarmos dunha participación pública nos beneficios do vento.  A tarifa eléctrica non é máis barata malia a que os custes de transporte son máis reducidos.  Mesmo hai lugares de Galicia cun abastecemento eléctrico impropio dunha potencia na produción enerxética.  
A soberanía tamén é isto. Decidir sobre os nosos recursos, tirar proveito deles, proporcionarlle benestar á cidadanía con eles,  protexer o medio no que nós imos seguir vivindo cando esas empresas protexidas por Feijóo xa non estean aquí.

segunda-feira, 26 de novembro de 2012

A nulidade do discurso lingüístico do PP




As sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarando ilegais os preceptos centrais do Decreto de plurilingüismo de 2010 e desestimando paralelamente as pretensións de Galicia Bilingüe, deben servir para abrir novos camiños de recuperación de espazos para o galego, nomeadamente no ensino. 
O 5% anulado, nesa innovadora forma de valorar ao peso os fracasos xudiciais, é o cerne do discurso lingüístico do PP. Ven acompañado tamén dunha extensa motivación (un 80% en cifras propias con idéntica validez) que achega argumentos relevantes para esixirmos un cambio radical no enfoque da normalización no ámbito educativo.
En catro titulares os fallos establecen que: 1. Non son legais as consultas. 2. A administración educativa non pode abdicar das súas competencias de fixación da programación educativa. 3. O ensino debe conseguir o obxectivo de reequilibro das linguas. 4. Non existe liberdade de opción lingüística e o uso oral e escrito do galego é condición necesaria para a adquisición do coñecemento.
A liberdade para ignorar non se avala nas sentezas. O dereito para as familias impoñer por maioría unha lingua tampouco. Nin existe un dereito de opción lingüística do estudantado que permita saltar a programación educativa usando nas manifestacións orais e escritas unha lingua distinta da que está prevista como lingua vehicular da materia, nin existe a posibilidade de que unha votación das familias se erixa no elemento que determine a lingua no primeiro ensino. "Unha cousa é que as familias deban colaborar para lograr unha educación de calidade e outra moi distinta é que a Administración educativa poida abdicar da súa potestade de ordenación xeral do ensino, que lle corresponde en exclusiva, abandonando a súa responsabilidade á hora de garantir que os nenos reciban o primeiro ensino na súa lingua materna" expón taxativamente o TSXG.  No que respecta á liberdade de opción argumenta que "non facilita a adquisición da destreza esixida ao alumno na lingua propia desta Comunidade Autónoma desde o momento en que se lle permite que non fale ou escriba na lingua galega cando é esta a propia da área, materia ou módulo. Ademais, non chega a explicarse o trato diferente en relación coas linguas extranxeiras, respecto ás que se exclúe aquela liberdade de opción por parte do alumnado".
O TSXG é claro marcando, novamente, os dous eixos que teñen presidido a xurisprudencia sobre a presenza da lingua no ensino as últimas décadas.  Por unha banda a inexistencia dun dereito de liberdade de elección de lingua que se derive do dereito á educación. Por outra banda a responsabilidade da administración educativa de determinar os contidos educativos que teñen que encamiñarse ao obxectivo de igual competencia nas dúas linguas oficiais.  Non hai máis liberdade lingüística que a que proporciona o coñecemento.  A ignorancia non fai libre e os poderes públicos deben deseñar a programación educativa para conseguir que as nenas e nenos sexan quen de usar con igual destreza galego e castelán.  
Unha igualdade na competencia que o TSXG deixa claro que non ten que ver co "equilibrio", antes ben ao contrario, coa corrección da desigualdade histórica na que se atopa o galego e que, sinala, <<compre suliñar que "equilibrio" non remite necesariamente á acepción matemática de "igualdade", senón que a interpretación semántica, contexto e realidade social imposta polo artigo 3.1 do Código civil conduce máis ben ás nocións de contrapeso, harmonía, ponderación e ecuanimidade, axustadas á plasticidade e dinamismo do fenómeno lingüístico>>.  En definitiva, que ten que ver coa valoración que eses mesmos poderes públicos deben efectuar en cada momento da situación sociolingüística impulsando con medidas de presenza no ensino á que se atope nunha situación máis feble. É a Xunta de Galicia, consecuentemente, e non as familias, a que ten a obriga de avaliar a situación do galego e o castelán na sociedade e o nivel de competencia lingüística dos nenos e nenas e, froito desa valoración, tomar as decisións que procedan para corrixir os desequilibrios que se manifesten.  Unhas decisións nas que claramente os estudos sociolingüísticos existentes, as fontes estatísticas, os ditames técnicos que poidan aportar institucións como a RAG e a perspectiva pedagóxica que fornecen movementos de renovación pedagóxica (NEG ou ASPG), colectivos docentes como a CGENDL ou os membros do Consello Escolar de Galicia, son elementos que deben terse en conta para que os criterios lingüísticos e pedagóxicos, e non os prexuízos, sexan os que informen as decisións sobre o curriculum educativo.
Xustamente, a coherencia con ese criterio e a asunción do papel que lle corresponde a cada un dos poderes públicos, é o que fai que a xustiza non anule a distribución concreta de materias que fai o Decreto. Iso correspóndelle ao poder político non aos xuices.  Así afírmase que "aínda que caben desenvolvementos de tal principio de diferente alcance e intensidade, a redacción do precepto regulamentario (...) constitúe unha das opcións legalmente posibles". Mais esta determinación non pode realizarse de xeito arbitrario. A propia sentenza mostra á cidadanía as vías polas que poderá contrastarse se os obxectivos de correción dos desequilibrios se cumpren e as políticas que son esixibles.  Por un lado apunta a sentenza ás medidas de fomento que teñen que complementar as determinacións do curriculum educativo: materiais, libros de texto e actividades en galego e existencia de equipas de normalización lingüística.  Por outro incide na relevancia dos  proxectos lingüísticos dos centros para avaliar e "facer o seguimento dos resultados que se desprendan da súa aplicación coa finalidade de adoptar, de ser o caso, as medidas necesarias para garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística propia de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galicia".  E tamén, remitíndose ao establecido na disposición adicional 5ª do decreto, que establece a realización anual de avaliacións dos resultados sinala non estaríamos celebrando este trunfo das teses que defendimos conxuntamenteque deben servir para deseñar as actuacións para a mellora do cumprimento e para a adaptación dos obxectivos.
Eis o camiño que temos por diante. Garantir a presenza do galego no primeiro ensino. Impedir a desaparición do galego nas contornas castelán falantes. Afirmar o inequívoco papel normativo que ten a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias obrigando á existencia de liñas en galego en todos os niveis educativos para as familias que o desexen.  Impulsar que os proxectos lingüísticos dos centros fagan un seguimento dos resultados e prevean medidas para conseguir o obxectivo de igualdade das linguas. Esixir que se realicen as avaliacións que determina o decreto para o que compre un deseño dos criterios rexido por premisas pedagóxicas e sociolingüísticas.  Coñecer e facer seguimento deses resultados.  
Un camiño para o que debemos recuperar as alianzas tecidas en 2010, que xa conseguiran cambios substanciais no decreto con respecto ás Bases presentadas en decembro de 2009,  porque estes fallos, en definitiva, son un trunfo do activismo cooperativo, da persistencia combativa e do esforzo argumentativo na defensa da lingua. Sen a confluencia de colectivos de defensa da lingua, sindicatos, movementos de renovación pedagóxica, institucións e a cidadanía nun obxectivo común, fallaría o impulso necesario para esta vitoria.  Sen a construción dun discurso fundamentado que deslexitimara a propaganda do PP, a viabilidade dos recursos veríase eivada.  Sen o empeño amosado pola Mesa, Queremos Galego, a CIG, o STEG e a RAG co seu compromiso militante ata o final, non estaríamos celebrando este trunfo das teses que defendimos conxuntamente.
Un camiño tamén que agora volve ao punto de inicio: a separación do PP dos consensos construídos de impulso da normalización lingüística reflectidos no anexo do Decreto de uso do galego de 2007 que recollían os obxectivos do Plan Xeral de Uso da Lingua Galega de 2004.  Agora que o cerne do seu discurso mostra a súa nulidade compre que o goberno que inicia a nova lexislatura supere o seu fracaso, que tamén é o da nosa lingua, e adopte medidas na dirección que apuntan as sentenzas.

SERMOS GALIZA 26.11.2012

sábado, 24 de novembro de 2012

Ante os ollos do mundo, Palestina sofre





                        Para Muddi e Sara que deixaron os xoguetes en Gaza e hoxe xogan en Galiza

Ante os ollos do mundo. Co beneplácito do xendarme mundial e a vergonzante aquiescencia europea, Palestina loita por vivir na terra de seu.
Unha terra comesta a bocados, fragmentada, usurpada por asentamentos xudeos ilegais, confiscada. Unha cidadanía sen dereito ao máis básico: liberdade, comida, sanidade, educación, luz.  Un lugar no que é posible morrer agardando a cruzar o muro ignominioso que separa a seres humanos dun hospital ante a inmisericorde vixianza dun soldado.  Un sitio no que o exército xoga ao “afundido” cos barcos de pesca que se alonxan da beira da praia. 
Nun esforzo pacífico, cidadáns do mundo, cidadáns galegos, forman parte da Frota da Liberdade que busca levar a Gaza subministros básicos lembrándolle ás conciencias democráticas que a inxustiza segue ahí. Que Palestina precisa dun presente en paz e a súa cidadanía dos dereitos básicos. Estas e outras accións que promove BDS Galiza buscan unha solución xusta para o pobo palestino.  Unha solución que pasa por poder comprar libremente comida, recibir axuda humanitaria, manter en funcionamento os servizos básicos, circular libremente, vivir na terra dos seus país e nais.
A nosa mirada non pode permanecer impasible ao continuo e metódico arrinconamento de Palestina convertíndoa nunha nación inviable. Sen terra, sen recursos, cunha poboación perseguida. Negándolle o que o pobo xudeo, e calquera pobo do mundo, sempre reclamou para si: liberdade, terra, dereitos.

Xornal de Galicia 4.6.2011

sábado, 17 de novembro de 2012


As Universidades ao pé do precipicio




Logo de varios anos de recortes orzamentarios que teñen colocado ás universidades e á investigación realizada desde o seu ámbito (sobre o 60%) nunha situación difícilmente reversibel, o esganamento orzamentario  compleméntase con durísimas medidas de selección do alumnado e redución do persoal.
As enormes diminucións orzamentarias nos fondos dedicados á universidade dentro do plan de financiamento na última lexislatura provocaron despidos e que non se renovaran contratos, severísimas reducións do gasto corrente ou diminucións escandalosas de compra de libros e de suscripción a revistas científicas que levaron mesmo a cortar a continuidade de coleccións que nin a guerra civil fora quen de romper.  Sen convocatorias de proxectos de investigación autonómicos e coas de persoal investigador (en formación, técnicos ou doutores) como unha caricatura do que foron algún día, a investigación estáncase.
A burbulla orzamentaria, comezada nos últimos mandatos do PSOE e mantida polo PP, cun financiamento da investigación cada vez máis polarizado cara os créditos á investigación, conduciu ás universidades a un endebedamento irresponsabel nunha carreira sen saída de infraestruturas, campus de excelencia e demais artefactos ligados á moda do emprendemento. Pincha agora coa crise e unha boa parte dos fondos de investigación (o 40% no último exercicio) quedan sen gastar precisamente porque non hai centro público de investigación que poida achegar a parte coa que debería complementar o orzamentado e financiar os intereses.
Fálase igualmente agora de reducir aínda un ano máis as titulacións -tres anos- nunha lóxica clara de redución da formación do estudantado e apertura dun mercado para os masters, cada vez máis selectivos económicamente debido á enorme subida das súas taxas e nos que, ademáis, concentra a súa oferta unha boa parte dos centros de ensino privados.  Con solícito apoio dos gobernos autonómicos Madrid ou Murcia brindan edificios públicos, axudas e apoio á implantación de universidades privadas.
No profesorado sucédense os recortes salariais (baixada do soldo, recorte da paga extra, impago de complementos autonómicos en Galicia e Madrid) e o empeoramento das condicións de traballo. Bolonia a custe cero ou como aumentar o traballo de xestión da docencia, empeorando a súa calidade e reducindo nun 20% a duración dos estudos.  Multiplicación do traballo docente sen un aumento real da calidade do que se ensina. Florecemento dunha ristra de burocratizados traballos de planificación-avaliación sen apoio administrativo e sen máis finalidade que retroalimentar pretendidas estruturas de "calidade".  
O Real Decreto Lei 14/2012 recunca na liña que xa se camiña desde hai uns anos, segmentar o profesorado e ás universidades.  O forte incremento do encargo docente que intenta poñer en marcha conducirá a medio prazo a que @s nov@s profesores teñan un perfil cada vez menos investigador metidos na moviola da preparación de aulas-docencia-exames-avaliacións sen tempo efectivo para a outra función principal da universidade, a investigación.  Un machadazo á investigación e, tamén, á calidade da docencia que se resentirá sen alimentarse da investigación, no que certas serviciais Universidades que se aprestan a poñer en práctica estas medidas, desmarcándose da postura de forza común, xa están anunciando recortes de persoal.  Especialmente nas áreas de humanidades e ciencias sociais cun coñecemento máis ligado ao entorno social, económico, xurídico ou cultural máis inmediato, o sesgo dos principais indicadores de produción científica cara as publicacións anglosaxonas e o coñecemento técnico e das ciencias experimentais, penaliza na valoración académica a investigación que realizan e convírteas en carne de cañón para a aplicación das novas medidas de intensificación docente.  Indirectamente tamén provocará a desaparición da investigación máis relacionada coa análise dos cambios sociais, políticos e económicos.  
A fixación dunha taxa de reposición de efectivos para postos de novo ingreso do 10% -só se cubrirá 1 de cada 10 xubilacións ou baixas definitivas- ademáis da preocupante falta de renovación do cadro de persoal, corta toda posibilidade de promoción do persoal docente e investigador.  Nas universidades cada avance supón a realización dunha nova oposición polo que a taxa de reposición condiciona/impide cada un deses chanzos.  O longo tránsito que supón a carreira académica desde os postos de axudante, pasando polas categorías de axudante doutor/a, contratado/a doutor/a, titular e catedrático/a, sométese a sucesivas avaliacións externas e concursos. O estancamento na promoción xa está provocando a fuxida de profesorado cara outros países nos que progresar académicamente.  Buscar nova seiva con este cenario é quimérico.
O desmoralizante panorama de recortes (nos fondos de investigación, salariais...), empeoramento das condicións laborais e falta de estímulos busca paliarse facilitando a compatibilización entre actividades públicas e privadas, a creación de empresas cunha moi discutible conexión coa creación de coñecemento novo e outras aventuras emprendedoras que mitigando individualmente a situación profesional socavan colectivamente a dedicación á actividade docente e investigadora. 
Ameázase tamén á liberdade académica dando entrada a que empresas privadas deseñen programas de doutoramento, profesionais externos formen parte das comisións de selección do persoal docente e investigador ou poñendo en mans de fundacións como Universia do grupo Santander un inxente volume de información universitaria coa colaboración sucesiva de Reitores convenientemente financiados no seu retiro.
O control político está tamén na axenda.  As reflexións sobre o goberno das universidades que lanza a dereita (PP e CIU) van na liña de nomeamento externo do goberno das universidades e de cambios para reducir o control democrático pola comunidade universitaria.  
A recente intromisión da Xunta de Galicia na autonomía universitaria seleccionando sen amparo normativo qué prazas saen a concurso dentro dunha convocatoria única, mostran ás claras que a autonomía universitaria preservada constitucionalmente quedou no arró.  Máis alá do control orzamentario, a conxelación da masa salarial e a fiscalización do cumprimento da taxa de reposición de efectivos cos que o goberno autonómico garante o cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e adquire un enorme poder sobre as universidades, quere agora irse a unha intervención de feito decidindo a dedo, sen criterio legal, que profesorado debe contratar a universidade.  Algúns decidiron baixar a cabeza pero, igual que na LOU, a comunidade universitaria galega debe encabezar un movemento para frear o desmantelamento do sistema universitario público.

SERMOS GALIZA 15.11.2012

segunda-feira, 12 de novembro de 2012


Federación de Anpas Compostela 
Folga Xeral - 14 de novembro

A federación de anpas da área de Compostela, diante da convocatoria de folga xeral para o próximo día 14 de novembro, quere expresar publicamente o seu acordo; sumándose así ao inxente colectivo de movementos sociais, culturais, laborais e económicos que están apoiando esa xornada de rexeitamento a un modelo político‑económico que non é igualitario, nin eficaz, nin xusto; que non crea ningunha mellora na actual crise económica, senón que a empeora; que non oferta expectativas á nosa xuventude, que desatende os nosos maiores e enfermos, que está a crear unha sociedade insolidaria e sen futuro.
Estamos a ver cómo se recortan constantemente as achegas económicas para o ensino público, tanto no seu maior valor, que é o capital humano, o profesorado; como nas súas infraestruturas, as súas dotacións, e as súas esperanzas. E tamén estamos a ver, cunha elevadísima preocupación, cal é a liña na que se pretende cambiar o marco legal que soporta a nosa educación pública, querendo converter os nosos fillos e fillas en mercadorías, transformando a educación nunha simple cualificación laboral, desatendendo o dereito á propia formación, fomentando que os homes e mulleres do mañá carezan da capacidade de entender, criticar e modificar a súa realidade.
Por iso, porque cremos que o modelo que se está a deseñar é erróneo, comprometémonos coa expresión pública do noso desacordo, e esiximos que as medidas, nomeadamente as educativas, que se poidan adoptar, conten co imprescindible consenso e participación de toda a sociedade; porque o dereito a cambiar o futuro é de todos, e todos debemos ser escoitados.
Compostela, 12 de novembro de 2012


Chatarra, chapapote e chafurda


Chatarra, chapapote e chafurda


A praia é enorme
coma un deserto de area
e no centro

a chatarra.

Eu camiño de vagar
seguindo as marcas
das plumas das gueivotas.

Levo un cormorán
prendido da camisa
e a arquitectura dun arao
silencioso.

Pero non hai tenrura

das miñas mans
saco nubes perfumadas
e adéntrome no mar

dou
de beber
ós aeroplanos
ESTEVO CREUS

Vai para dous anos que o Mar do Rostro bate contra penedos negros. Tamén o de Ons, Caldebarcos e tantos outros.
Afúndese o barco pesqueiro Bahía e en Galiza segue sen haber os medios de salvamento precisos que teñen que vir de Levante. Embarranca un buque cargado de pasta de papel en Ribadeo e, novamente, a holandesa Smit Tank ten que participar no salvamento.  Seica están construindo dous novos remolcadores -para xubilar a algún dos xoguetes que agora atracan nos portos- e que un terá base en Galiza para non termos que recorrer, outravolta, aos chineses. Os buques anticontaminación, cos que contan paises ben máis pequenos que Galiza, tamén deberán agardar uns anos. O Plan Nacional de Contixencias e salvamento marítimo segue sen modificarse para correxir a caótica xestión da catástrofe do Prestige por falta de coordenación administrativa, falta de medios e dun inventario que axude a conseguilos con prontitude e falta de incorporación do coñecemento científico. O alonxamento do corredor de Fisterra non é efectivo por falta de radares.
TIC, TAC, TIC, TAC…O corredor marítimo de Fisterra soporta un setenta por cento do tráfico de hidrocarburos de Europa. TIC, TAC, TIC, TAC…Un trece por cento dos buques transporta mercancias perigosas. TIC, TAC, TIC, TAC… Tres dos dez sinistros marítimos máis graves sucederon fronte ás costas galegas TIC, TAC, TIC, TAC…Nos accidentes de buques petroleiros sete dos once maiores sinistros aconteceron aquí.
 A grandes males, grandes remedios. A maior operación de especulación urbanística e o porto exterior máis venteado de Europa. A maior planta de acuicultura estragando un espacio natural proposto como Lugar de Interese comunitario. A maior cantidade de proxectos de actividades productivas en condicións terceiromundistas: plantas de queima de neumáticos; regasificadoras en lugares inseguros; novas instalación de acuicultura en lugares privilexiados; ampliación de térmicas. A maior cantidade de pelegríns virtuais. A maior operación de propaganda e fume. Por fin un salto cualitativo nos records inscritos no Libro Guiness... 
A maior catástrofe ambiental marítima. 

Publicado en Vieiros o 17.11.04: http://vello.vieiros.com/opinion/opinion.php?id=39493&Ed=1

sexta-feira, 9 de novembro de 2012

A Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias e os efectos dos informes do Comité de Expertos





Delegación galega asistente ao encontro co Comité de expertos (xullo 2011)

O Consello de Europa e a estratexia lingüística da actual Xunta de Galicia
Entrevista con Alba Nogueira

Semella claro que a crise e os seus efectos teñen a capacidade de agachar e empequenecer grandes cuestións que tocan o noso futuro e o noso patrimonio inmaterial. Ou doutra forma: non deberiamos nunca esquecer e asfixiar aquilo  que nos fai culturalmente ricos e distintas, precisamente cando nun mercado globalizado a diferenciación é unha clave de éxito. Coa cuestión lingüística en Galicia levamos anos teimando, xunto con outros moitos e variados colectivos e organizacións galegas, no argumento de que a lingua galega é un patrimonio demasiado precioso e demasiado en perigo como para deixalo en mans de políticos que, ou ben o desprezan sen pudor, ou ou ben o “veneran” tanto que nunca o usan fóra da liturxia parlamentaria e mediática. O Consello de Europa acaba de dar un apoio claro ás nosas posturas no seu terceiro informe sobre o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, nas que analiza a situación dos idiomas cooficiais no Estado. Comentamos a importancia de todo isto coa doutora Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago e académica correspondente da Real Academia Galega, que publicou recentemente un estudo sobre a Carta Europea das Linguas Minoritarias.


Antes de nada, poderías explicar brevemente en que consiste esa Carta Europea das Linguas Minoritarias e a súa importancia?
A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM) é un tratado internacional impulsado polo Consello de Europa para protexer a riqueza que supoñen para o patrimonio cultural europeo as linguas tradicionalmente faladas nos seus territorios. Non é, polo tanto, unha norma para protexer todas as linguas –as dos emigrantes, por exemplo-.  Ao ser unha norma internacional só se convirte nunha norma interna de aplicación no Estado español se se produce a súa ratificación. España fíxoo no ano 2001 mediante un acordo pola práctica unanimidade do Congreso dos Deputados no mandato de J.M.Aznar ( http://www.boe.es/boe/dias/2001/09/15/pdfs/A34733-34749.pdf). A singularidade que ten a súa incorporación ao ordenamento interno é que é unha norma de obrigada aplicación pero que non pode ser modificada polas leis posteriores.  É en certo modo unha “lei blindada” xa que a única forma de non cumprir os compromisos sería denunciar o tratado ante o Consello de Europa ou, por usar termos coloquiais, “darse de baixa” co desprestixio internacional que implica.
A estrutura da CELRM é bastante singular porque establece unha gradación de compromisos que deixaba unha ampla marxe de decisión aos Estados.  Hai unha parte xeral de compromisos menos fortes aplicables a todas as linguas e unha parte de compromisos sectoriais (educación, administración, xustiza, medios de comunicación e actividade económica) na que os Estados ratificantes tiñan a liberdade de escoller as linguas ás que se lle aplicaban e entre varios niveis de protección en función da situación en que estiveran as linguas.  O Reino de España ratificou os compromisos máis fortes en case todos os sectores (excepto na Universidade) para todas as linguas que son oficiais.
Por poñer un exemplo que pode permitir visualizar mellor ese sistema de “menú variable” que implica a CELRM, no ensino para cada nivel educativo a Carta permitía escoller entre:

  1. prever un ensino garantido nas linguas rexionais ou minoritarias,
  2. prever que unha parte substancial do ensino se faga nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes; ou
  3. prever que o ensino das linguas rexionais ou minoritarias correspondentes forme parte integrante do plan de estudos; ou
  4. aplicar unha das medidas a que se refire os puntos 1) a 3) anteriores, polo menos aos alumnos cuxas familias o desexen e cuxo número se considere suficiente

España ratificou, por tanto, para todos os niveis educativos un sistema de inmersión lingüística nas linguas propias en todos os territorios nos que son oficiais, con independencia de que exista demanda suficiente ou non das familias.  Debe haber unha oferta positiva no sistema educativo que pode viabilizarse de dúas formas: como o fai Cataluña cun sistema educativo igual para todos os estudantes en catalán ou como fai Euskadi con oferta de liñas en euskera para as familias que o demanden.  Non ratificou, en consecuencia, niveis menos elevados de protección: ensino dunha porcentaxe elevada de materias nas linguas propias,  ensino da lingua propia pero non o seu uso como lingua vehicular, ou ensino da ou na lingua propia só para aquelas familias que o pidan sempre que a Administración considere que hai un número suficiente de solicitantes para poñelo en marcha.


Que son os informes do Comité de expertos e que relevancia teñen?
Outra singularidade da Carta é que frente á habitual falta de seguemento dos incumprimentos dos Tratados Internacionais neste caso está previsto un mecanismo de avaliación periódica.  Cada tres anos expertos independentes nomeados polo Consello de Europa visitan os países ratificantes e mediante un sistema de reunións e envio de informes fan entrevistas tanto ás administracións implicadas nas medidas de cumprimento como a axentes da sociedade civil para que acheguen a súa versión.  No último ciclo de avaliación, por exemplo, unha delegación galega da que eu formei parte na que estaban representantes da Mesa pola Normalización Lingüística, a Coordenadora de Equipos de normalización Lingüística, Nova Escola Galega, Colexio de Xornalistas entre outros, mantivemos unha reunión na que lles fixemos chegar a nosa valoración do periodo avaliado.  Con esas opinións e informes elaboran o seu propio dictame que é publicado e no que se incluen consideracións e recomendacións en relación co cumprimento dos compromisos.  A detección de incumprimentos ten servido no pasado para que as administracións sexan máis dilixentes e adopten medidas de protección máis estrictas.  Non obstante, aparte da publicidade negativa que implica, polo momento non se ten explorado a vía de esixir a garantía dos compromisos acordados.


Este terceiro informe que elabora o Comité de expertos, que é o que achega como novidade?
 O informe, ao igual que sucedía co segundo informe, reitera que se están producindo incumprimentos dos compromisos ratificados por parte da Xunta de Galicia.  A desaparición do modelo de inmersión das Galescolas, os cambios introducidos co Decreto de plurilingüismo alonxan máis do cumprimento do compromiso de existencia de liñas en galego na educación en todos os niveis educativos.  Tamén se fai unha mención relevante a facer unha reflexión sobre o uso do inglés en detrimento da presenza do galego no ensino e en relación cos materiais educativos.  Outro grande punto vermello é o dos medios de comunicación no que a desaparición de moitos medios en galego neste periodo e a falta de medidas para aumentar a presenza do galego nos medios privados de TV e radio detéctanse como incumprimentos da Carta.  Tamén en relación con compentencias autonómicas se determina que as medidas para promover o uso do galego na sanidade e nas actividades económicas dependentes do sector público son insuficientes.


Se efectivamente este informe é un tirón de orellas ao goberno galego, ese tirón sentiríao alguén?  Pode ter repercusións?
Agardo que o sentira o Presidente, en primeiro término, e o responsable de Política Lingüística a continuación.  Existen previsións que deben ser postas en práctica e que poderían ser esixidas polos interesados en caso de incumprimento.  Seguramente é chegado o momento de que os interesados tomemos a palabra e decidamos esixir o cumprimento dos dereitos que recoñece a Carta que son esixibles directamente.  Non todos o son pero si algúns como os relacionados coa educación.



O galego, a súa utilidade, a súa viabilidade, o  seu futuro, neste contexto no que nos movemos....Como ves ti a cousa?
A situación é complexa xa que nos últimos anos o goberno ten traballado activamente para construir prexuizos en torno ao galego e para restar ámbitos de presenza (educación, medios de comunicación, xustiza...). A perda de falantes especialmente nas xeracións novas é moi preocupante ao igual que a situación en moitas contornas urbanas.  É unha situación reversible pero para iso faría falta unha acción decidida.  En definitiva, unha discriminación positiva que é no que consisten as políticas de normalización buscando garantir espazos de presenza social que corrixan a desigualdade na que se atopa a lingua en moitos contextos lingüísticos.

Revista Irimia  
O informe do Comité de expertos pode consultarse en: https://wcd.coe.int/ViewDoc.jsp?Ref=CM%282012%29111&Language=lanEnglish&Ver=original&BackColorInternet=C3C3C3&BackColorIntranet=EDB021&BackColorLogged=F5D383




  

domingo, 7 de outubro de 2012

Longa noite de pedra





O trunfo eleitoral do PP en marzo 2009, logo dunha campaña cunha forte polarización do discurso ao redor da lingua, marcou un inicio de lexislatura no que con prontitude o galego foi o albo das primeiras medidas do novo goberno do PP.  Nada máis tomar posesión adóptanse decisións que indican unha clara vontade de deconstrucción do xa de por si escaso acervo normativo de protección do galego e unha consolidación dos prexuizos contra o galego.
Aos anuncios e primeiros pasos para derrogar a normativa de uso do galego no ensino que garantía que un mínimo 50% das materias se impartiran na nosa lingua, úniuse a modificación pola vía de urxencia da Lei de Función Pública para suprimir a necesidade de acreditación obrigatoria do coñecemento do galego coa realización de cando menos unha proba en galego no acceso ao emprego público.  Cunha exposición de motivos sumamente explícita na que se lamenta a dificultade de cidadáns doutras partes do Estado para acceder ao emprego público e se obvian os dereitos lingüísticos da cidadanía, o Partido Popular revela o valor que lle da ao mandato estatutario de protección do galego.
A modificación da normativa de función pública foi pronto seguida polo Decreto 79/2010 de plurilingüismo que marca un retroceso histórico na presenza do galego nas etapas obrigatorias do ensino non adoptando medidas que reforcen o uso do galego na educación infantil nas contornas castelán falantes; colocando o inglés como unha cuña para a redución das horas impartidas en galego; establecendo máximos de presenza do galego no ensino; fixando prexuízos sobre os usos lingüísticos ao eliminar o galego nas materias científicas; permitindo que o alumnado eluda os contidos formativos habilitando un dereito á escolla lingüística con independencia das competencias lingüísticas reguladas, e; sometendo a fixación do curriculum educativo a consultas sesgadas as familias sen apoio en criterios de planificación pedagóxica ou sociolingüística.  Un Decreto, por outra banda, que tamén fixa o inicio dunha estratexia máis global do Partido Popular de degradación da normativa lingüística con iniciativas en Euskadi, Aragón, Valencia ou Illes Balears nunha liña semellante.
As dúbidas xurídicas suscitadas polo Decreto de plurilingüismo levaron ao goberno a presentar no Parlamento a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa. A Lei de Convivencia e Participación fundamentada na falsa premisa  de que o ensino en Galiza, un dos que ten as ratios máis baixas de conflitividade do Estado e cun número moi pequeno de sancións, ten como problema principal a violencia nas aulas foi unha cortina de fume detrás da que se agachaba o obxectivo de regular nunha norma con rango de lei a consulta ás familias sobre as súas preferencias lingüísticas no ámbito educativo.  Lembremos que o Consello Consultivo de Galicia emitira un informe negativo á pretensión de facer estas consultas en educación primaria e secundaria no Decreto para o plurilingüismo e o goberno busca a cobertura dunha norma de superior rango para darlle continuidade a esa cuestión.
Tamén na educación infantil a ampla modificación do proxecto das Galescolas suprimiu o único programa de inmersión en galego que permitira recibir loubanzas do Consello de Europa no informe de seguimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias e evitar a tacha xeral de insuficiencia do marco educativo para os compromisos adoptados ao ratificar este tratado internacional.
O implacable cambio do escaso entramado normativo existente de protección do galego realizado nos primeiros dous anos da lexislatura viuse acompañado dunha asfixia económica dos sectores ligados á presenza social da lingua.  Desde 2009 a redución experimentada nos orzamentos da Secretaría Xeral de Política Lingüística é de case o 63% pasando de 21,5 millóns de euros no 2009 a 8,1 millóns de euros no orzamento de 2012.  Os programas dependentes doutros órganos da Administración tamén sofreron recortes semellantes.  Os servizos de normalización lingüística, os medios de comunicación en galego, o ensino e os materiais docentes, as mostras culturais, as traducións e o sector editorial en xeral, foron pinga a pinga sendo obxecto preferente dos recortes económicos coa desculpa da crise.  Mesmo antes que en calquera outro sector é no ámbito da lingua no que aparecen por primeira vez as anulacións de convocatorias de axuda xa en marcha (servizos de normalización dos entes locais, materiais pedagóxicos).  A desaparición do Xornal de Galicia, Vieiros, A Peneira ou A Nosa Terra, nunha lexislatura na que houbo sustanciosos recursos para o sostemento de certos medios de comunicación, é elocuente do sesgo das convocatorias existentes. A meritoria resistencia de Tempos Novos ou o nacemento desde a autoorganización social de proxectos como Dioivo, Sermos Galiza, Praza Pública ou Compas da Costa mostran que hai vontade colectiva de actuar malia as enormes dificultades de soster os proxectos comunicativos sen apoio público.
De xeito semellante a iniciativa da sociedade civil buscou camiños no ámbito do ensino.  Proxectos como o da Semente en Compostela ou o da Cooperativa de Ensino Popular “Avoaescola” indican que a iniciativa cidadá quere suplir a deixación de funcións desde o poder público.
No ámbito cultural a desaparición do Culturgal, da programación cultural sobre a música ou libro galegos nos medios públicos (Lume na palleira, Aberto por reformas, Extrarradio, Libro Aberto, Onda Curta, Miraxes) amosa claramente o proxecto político existente destrutivo dos nosos sinais de identidade.
Con todo as decisións contra o galego que marcan a lexislatura foron acompañadas dun alto nivel de rexeitamento social, mais tamén dunha acentuada cobertura mediática de grupos pouco significativos en canto a representatividade contrarios ao galego que fixan o discurso do PP.  A resposta contundente dun amplo abano de asociacións, colectivos e sindicatos, nomeadamente da Mesa Pola Normalización Lingüística e a plataforma Queremos Galego, a través de manifestacións e da denuncia cívica das medidas adoptadas, secundadas con intensidade diversa por BNG e PSOE, non permitiu paralizar estas agresións.  Porén a baixada do ton do PP na segunda parte da lexislatura, cunha elocuente substitución do responsabel da Secretaría Xeral de Política Lingüística, é reveladora da medida en que a percepción social destas agresións foi negativa.
No plano social compre salientar tamén o nacemento de Prolingua en 2009; o amplo papel desenvolvido pola Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística no ensino ou a Coordenadora de Técnicos de Normalización Lingüística nas reivindicacións en relación co mantemento dos servizos de normalización; a resistente loita levada a cabo polo profesorado, especialmente das áreas científicas afectadas polo Decreto con iniciativas como Ciencia en Galego (http://www.cienciaengalego.org/drupal6/), Profes co Galego; son mostras significativas da contestación existente a estas medidas.  As exitosas manifestacións da Plataforma Queremos Galego traduciron en mareas humanas a vontade de defensa da lingua existente na sociedade.
No institucional o papel firme, novidoso tamén, desenvolvido pola Real Academia Galega en defensa da lingua e das funcións que ten atribuídas, deu azos ao movemento de rexeitamento das medidas.  O documentado e contundente informe sobre o Decreto de plurilingüismo foi acollido con tanta reticencia desde o goberno como satisfacción pola sociedade civil.  Nese mesmo ámbito tamén o Consello da Cultura Galega e o Consello Consultivo de Galicia expresaron pareceres discordantes co proxecto de Decreto de plurilingüismo.

Publicado en TEMPOS NOVOS nº 184 outubro 2012

quarta-feira, 26 de setembro de 2012

A gran evasión




             
Cúmprese un ano da alianza entre o PSOE e o PP para facer unha modificación express da Constitución española que rematou co mito da intanxibilidade constitucional e domiciliou os nosos impostos ao servizo do sector financeiro.  A claúsula de estabilidade que concede prioridade absoluta aos créditos bancarios frente ao sostemento dos servizos públicos necesarios para facer efectivos todos os dereitos proclamados na Constitución (saude, educación, sostemento da vellez ou a infancia, protección frente ao desemprego) simboliza a volta de chave dunha extensa contrarreforma económica que ameaza con empobrecer irreversiblemente á sociedade e cun retroceso de décadas nos dereitos laborais e sociais.  Os recentes problemas de tesourería de Catalunya deixando impaga a factura pola prestación de servizos sociais ao mesmo tempo que atende unha conta equivalente coa banca é claro exemplo do camiño que se emprendeu.

Por se houber tentacións de resistencia ao saqueo Rajoy quere reforzar a garantía de cobro bancario con sancións para os cargos públicos que incumplan a prioridade dos créditos bancarios.  Desoíndo as recriminacións do Consello de Estado pretende, inconstitucionalmente, regular o dereito fundamental ao exercicio de cargos públicos mediante unha lei ordinaria (sendo unha cuestión que requeriría lei orgánica), prevendo a destitución dos elexidos pola cidadanía se eles decidir seguir pagando os servizos públicos en vez de engrosar as contas dos bancos. 

O obxectivo último é a fagocitación do aparello público e a precarización total da cidadanía nun extenso exercicio de dominación.  

O asalto á caixa pública comeza polos negocios seguros. Os servizos relacionados coa cobertura dos dereitos e necesidades básicas é o botín.  A propaganda intensa diríxese a desacreditar todo o que pode supoñer un muro de contención ao saqueo do público. Empeórase a calidade dos servizos públicos e, demagóxicamente, establéncese re-pagos para as clases medias dirixidos a que busquen alternativas no aseguramento e servizos privados fomentados con exencións fiscais.  Mesmo o anuncio do aumento de pensións parece dirixido a provocar unha quebra no sistema de cobertura que abra o paso ás aseguradoras privadasO discurso abstracto e falaz do tamaño das Administracións despersonaliza o traballo do persoal do ensino, a sanidade, a extinción de incendios, as bibliotecas.  O público molesta e o ataque aos seus alicerces comeza pola diana fácil para os púlpitos madrileños: as autonomías desbaldidoras.  Efectivamente é a Administración autonómica a que máis medrou nos últimos anos xa que sustenta a educación, a sanidade, os servizos para a vellez, a xestión ambiental.  Sendo o número de empregados públicos no Estado español inferior á maioría dos países europeos, o que habería que preguntarse é polo tamaño da Administración central.

Nun calculado programa de apertura do novos espazos ao pelotazo privado aprovéitase a precarísima situación en que vive unha parte relevante da cidadanía para utilizar a estabilidade no emprego dos traballadores públicos como un “privilexio” indigno que hai que nivelar polo baixo. Eis a reforma laboral que abre a vía aos EREs no sector público e o Real Decreto en proxecto que a desenvolve, como ven de denunciar a CIG.  Conseguir converter a estabilidade no emprego nunha vergoña a forza de intoxicación mediática é sintomático do profundo que penetra a ideoloxía ultraliberal.  Todo iso sen esquecer que a inamobilidade no emprego público sempre foi entendida como un escudo protector para garantir decisións admininistrativas independentes frente ás presións corruptas.  

A clara correlación entre o  descenso no emprego público -nun 6% de media no último ano e ata un 11% nas Administracións locais- e a apertura de negocio ás empresas privadas nos mesmos sectores témolo no xérmolo de rede de servizos sociais que lograra crear o BNG no periodo do bipartito.  Despídense profesionais na rede pública e aplícase unha taxa de reposición de efectivos que impide novas contratacións abocando á xestión dos servizos indirecta a través de concesionarias ou á privatización.  Aplícase unha meticulosa entrega de dotacións públicas á xestión privada preferentemente en mans de empresas afíns: Galescolas xestionadas polo Opus Dei e residencias de anciáns en mans de  fondos de investimento.  O caso das residencias de Vimianzo, Monforte e Viveiro construidas polo bipartito e que o goberno actual non conseguiu abrir na rede pública procedendo a unha privatización plagada de mentiras é significativo.  Rendible negocio: constrúense por unha sociedade na que case a metade de capital é público (SOGASERSO), os concellos ceden terreos e a Xunta de Feijoo  transfíreos ao sector privado (Geriatros) condicionando á non existencia dun terceiro socio con fins lucrativos. En menos dun ano Geriatros vende a un fondo internacional (Magnum Capital) esas residencias, que teñen asegurado un retorno constante pola reserva de prazas en réxime de concerto a razón de 9 millóns de euros en menos de dous anos no caso da de Vimianzo. Choio redondo, negocio sen riscos.  Desde a frivolidade a conselleira Mato alardea de ter atopado a fórmula máxica para reducir costes: Quendas máis prolongadas, menos persoal. Oculta o descenso da calidade na atención e seguridade para os usuarios.  Obvia a marxe empresarial pagada cos nosos impostos.

Estamos ante unha economía sometida aos intereses dos grandes grupos empresariais, sexan estes as distribuidoras comerciais, que ditan unha reforma da normativa comercial que vai precarizar o emprego e afundir o pequeno comercio coa liberalización horaria; as construtoras, que buscan refuxio no orzamento público e na xestión das infraestruturas públicas; ou o sector financeiro que segue ditando as reglas de xogo. Unha economía dominada pola banca e a gran empresa na que hai cartos no orzamento público para poñelos ao servizo do rescate dos seus negocios fallidos ou do seu peculiar concepto do risco empresarial.  O rescate da banca; das autoestradas sen tránsito en Madrid ou Murcia que non dan o suficiente negocio e van recibir sobre 4000 millóns de euros do orzamento público; dos hospitais en réxime de concerto que non daban suficiente beneficio en Valencia ou Madrid; da autovía da Costa da Morte e, previsiblemente, do novo hospital de Vigo, cando as construtoras deixan o traballo sen concluir; a prórroga sine-die das concesións de autoestradas que con insistencia se reclama se amplie ás autovías ata agora gratuitas;  unha inxente cantidade de cartos restados aos servizos públicos, ao emprego.  Socialización das perdas e privatización dos nosos impostos.

O saqueo non é completo se non rexe á lei da selva que permite maximizar o beneficio á marxe de controis públicos.  Solicitamente o aplicado goberno central anuncia que vai seguir as directrices que fixa un estudo encargado por Telefónica a unha consultora no que se recomenda a fusión dos organismos reguladores (Comisión nacional da competencia, da enerxía, das telecomunicacións...).  Tan desinteresada recomendación diminue radicalmente a súa capacidade de vixianza de prácticas en contra dos consumidores.  Coa disculpa de aforro nas estruturas administrativas desmóntase o aparello sancionador –e arrecadador- que ten permitido controlar acordos anticompetitivos nas tarifas aéreas, telefónicas ou enerxéticas, fórmulas de tarificación lesivas (como o cobro por minutos en telefonía) ou cobros por servizos que non debe asumir o consumidor (ex. os contadores da luz).

A redución de prestacións sociais, sanitarias e educativas responde pois a un extenso programa de contrarreforma económica no que todos os cabos están atados.  Mesmo a sempre aparentemente dificultosa reforma constitucional.
SERMOS GALIZA 26.09.2012

quinta-feira, 30 de agosto de 2012

Balance. Impulso



Feijoo salta do barco fuxindo da súa incapacidade para levalo a porto. Finalizada a lexislatura da incompetencia, o lingüicidio e a prestidixitación orzamentaria, convoca eleccións sen nada que ofrecer ao electorado. Este é Feijoo, o presidente dun goberno anémico que non tivo fol para traballar máis que oito meses ao ano pechando os exercicios orzamentarios á volta do verán.  Un presidente en contínua xira por Madrid e as comunidades autónomas nas que o PP poidera ter eleccións, fuxindo do día a día en Galicia. Un dirixente ao que lle convoca as eleccións Rajoy.  Un presidente cun magro balance para amosar.
Menos empregados; escolas con menos mestres e aulas; hospitais parados; co sector eólico desmantelado tendo que indemnizar ás empresas pola súa premeditada desviación de poder; co atraco das preferentes en marcha; sen sector financeiro propio; coa rede de escolas infantís pública e de residencias de maiores en mans de empresas privadas; sen noticias das fabulacións sobre a fábrica de baterias para automobeis no mesmo camiño que parece que van seguir os anuncios dos barcos de PEMEX...cos orzamentos sen facer e as facturas debaixo dos cobertores. Normal que teña presa por rematar esta inmensa nada.  Un mandato esquecible dun goberno inexistente.
Un mandato en que desapareceron as matemáticas en galego no ensino e os xornais A Nosa Terra, Xornal de Galicia, Vieiros ou A Peneira.  No que se desmontaron con interesado empeño o Consorcio Galego de Benestar, os programas de prevención de incendios e de apoio ao sector agro-gandeiro, as estruturas de apoio autonómico á I+D, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, as políticas de apoio á cultura.  Un periodo en que se desbaldaron moitos cartos coa anulada licitación da Autovía da Costa da Morte para encarecela en varios centos de millóns; en que se privatizou a construción de hospitais e centros de saude endebedando perigosamente aos futuros gobernos e aumentado vertixinosamente os custes dos proxectos; no que se prescindiu de mais de dous mil ensinantes nas etapas educativas obligatorias e se asfixiou irreversibelmente ás universidades no seu labor docente e investigador.  Unha lexislatura en que da garantía dos dereitos das mulleres pasamos á Red Madre; do software libre pasamos a contratos millonarios con empresas multinacionais con sistemas de licencia; da ampliación e garantía de construción de vivenda protexida voltamos ao mercado de vivenda especulativo.  Un tempo en que Corcoesto, Barreiros, Cabo Touriñan ou o Courel saltan aos medios por prácticas depredadoras da paisaxe e os recursos naturais amparadas desde o goberno.  Un tempo que temos que deixar atrás.
Hai alternativa. Hai outras formas de facer política e de traballar polo benestar da cidadanía desde a esquerda nacionalista.  Sen sometimento aos poderosos ou a intereses alleos. En Bruxelas, Santiago, Madrid, Tomiño ou Pontevedra estase poñendo en práctica, facendo propostas e defendendo esa outra política.  A das solucións para os sectores e cidadáns que sofren a crise polas decisións duns gobernos decididos a completar unha contrarreforma económica aos que se lles contrapoñen medidas para que o noso sector naval poida producir en igualdade; a dación en pago; o apoio ao sector lácteo; o aumento do gasto en I+D; a defensa dos medios públicos de comunicación; o pago do IBI pola Igrexa; un modelo comercial ordenado territorialmente, sostible socialmente e non vampirizado polas grandes distribuidoras comerciais; un sistema eleitoral limpo, xusto e adaptado á estrutura territorial; a igualdade de xénero ou o apoio aos dereitos máis básicos dos inmigrantes no Congreso dos Deputados a través das iniciativas dos deputados Francisco Jorquera e Olaia Fernández Davila que, como ben sabe o impresentable deputado do PP Collarte, desenvolven un intenso labor para poñer en práctica o programa polo que foron elexidos. 
A política da ética no desempeño dos cargos públicos, a defensa do noso sector pesqueiro, a saude dos nosos ríos ou a presenza internacional de Galiza realizada pola nosa eurodiputada Ana Miranda ante as institucións comunitarias.  
A da incidencia nos ingresos para dispor de fondos para necesidades perentorias co plan alternativo para arrecadar 100 millóns de euros; a da defensa do aforro galego e da nosa capacidade financeira co mantemento das caixas de aforro, o impulso da banca pública ou a loita contra a expropiación perpetrada coas preferentes; a da denuncia pola desmantelación de servizos sociais, comedores, ensino, centros de saude; a do continuado apoio á nosa lingua no Parlamento galego.  
No sindicalismo máis combativo que paga con condeas de cárcere a defensa dos dereitos laborais no naval, nas Asociacións de Pais e Nais, en SOS SANIDADE PÚBLICA, nos colectivos das preferentes,  xunto a outra xente, contribuindo a que a sociedade se organice na defensa dos seus dereitos. Ese traballo social nutre políticas transformadoras. Integrando a loita contra a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra, o mantemento das pagas extras no emprego público ou a creación de redes contra a pobreza na acción de goberno. 
Non son casualidades a rexeneración urbana de Pontevedra ou Allariz; a defensa da nosa cultura e patrimonio en Rianxo ou Carballo; a proteción dos espazos naturais de Carnota; o apoio ao cooperativismo hortícola de Tomiño; tampouco o foron as políticas de impulso da cultura propia, a limpeza na adxudicación eólica, os contratos para garantir prezos xustos no sector leiteiro ou a rede de galescolas e servizos no rural das consellerías nacionalistas do bipartito.  Son froito da vontade colectiva dunha organización que ten eivas, na que faltan compañeiros e compañeiras para sumar esforzos, pero que xa está preparada para ofrecer alternativas transformadoras para a nosa sociedade. 
Non fagamos bo aquel triste título dun libro de denuncia da violencia de xénero "mi marido me pega lo normal".  Tratemos ben a Galiza. Este é o momento. Xa nos zouparon dabondo nesta legislatura.

Publicado en Sermos Galiza 30.08.2012